O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participa en Bruxelas na Comisión de Política Económica (ECON) do Comité Europeo das Rexións
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou hoxe na Comisión de Política Económica (ECON) do Comité Europeo das Rexións (CdR). No encontro, celebrado en Bruxelas, os representantes das rexións e cidades aprobaron un ditame sobre a Estratexia do Mercado Único.
A Comisión Europea presentou esta estratexia en maio de 2025 para fortalecer o mercado interior da UE mediante a redución de barreiras comerciais, a simplificación de trámites, a promoción da dixitalización e o apoio ás pemes e ás startups.
Esta decisión conta co apoio do Comité das Rexións e de Galicia, que pide á Comisión que vaia un paso máis alá eliminando as barreiras que seguen a limitar o potencial dun mercado de 450 millóns de consumidores, o segundo maior do mundo na actualidade. Barreiras como as diferenzas nas normas profesionais, a burocracia excesiva ou os custos do comercio electrónico transfronteirizo. As rexións europeas solicitan un marco máis eficaz de vixilancia do mercado e unha mellor coordinación na aplicación das normas.
Neste sentido, o director xeral salientou que un mercado “unificado, máis simple, fluído e forte” ofrece importantes oportunidades para as empresas galegas, que poden acceder a un espazo comercial máis amplo e sen barreiras. Segundo Gamallo, isto suporía “un acelerador para a competitividade, a innovación e o crecemento das empresas galegas, que poderían aproveitar e diversificar mellor as súas oportunidades de negocio”. Ademais, “estas melloras poderían situar Galicia como un destino máis atractivo para o investimento privado”, concluíu o director xeral.
Galicia no Comité Europeo das Rexións
No actual mandato 2025-2030 do Comité Europeo das Rexións (CdR), Galicia participa na comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) e na comisión de Política Económica (ECON). Esta última elabora ditames sobre economía, industria ou competencia, canalizando así a voz das rexións e municipios europeos en relación á política económica, industrial e comercial comunitaria.



