HomeA CoruñaA Xunta apoia ao concello de Ordes con preto de 60.000 euros...

A Xunta apoia ao concello de Ordes con preto de 60.000 euros para mellorar o Sendeiro do Rego de Mercurín

- Anuncio -spot_img
  • As obras, cun investimento total de máis de 73.000 euros, inclúen a mellora da senda mediante a execución dun pavimento de terra, a substitución de especies vexetais alóctonas por outras autóctonas, a recuperación de zonas verdes adxacentes e a instalación de mobiliario
  • A directora xeral agradeceu ao Goberno local que aproveitase as achegas destinadas ás entidades locais para impulsar zonas verdes e refuxios climáticos na súa área de influencia coa mellora deste espazo que conecta a zona urbana coa rural
  • O Executivo galego salienta a boa acollida da primeira convocatoria desta liña de apoios, que se resolveu con achegas concedidas a 35 concellos para 42 proxectos e esgotou os 2 millóns de euros orzamentados

A Xunta de Galicia concedeu unha axuda de preto de 60.000 euros ao Concello de Ordes para a mellora e naturalización do sendeiro do rego de Mercurín, ou da Fraga, pertencente á zona de especial conservación (ZEC) do río Tambre e que atravesa de norte a sur o núcleo urbano do municipio.

A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, visitou hoxe a zona para coñecer en que consisten os traballos e agradeceu ao alcalde, José Luis Martínez, que aproveitase as achegas do Executivo galego destinadas aos concellos para impulsar zonas verdes e crear refuxios climáticos para mellorar o estado deste sendeiro, que favorece a conexión entre o medio urbano e a área rural da súa periferia.

As obras, cun investimento total de máis de 73.000 euros, inclúen a mellora da senda mediante a execución dun pavimento de terra que contará cunha delimitación exterior de bordo prefabricado de formigón, a retirada de especies vexetais alóctonas como sebes e arbustos e a súa substitución por outras autóctonas, a recuperación de zonas verdes adxacentes e a instalación de mobiliario na contorna como unha pérgola de madeira e cinco bancos de pedra granítica.

A responsable autonómica lembrou que esta actuación se enmarca nas axudas da Xunta a entidades locais de Galicia para a aplicación de solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e perirurbanos, uns apoios convocados por primeira vez este ano. Concretamente correspóndese coa liña C para a mellora da infraestrutura verde e azul mediante actuacións como a restauración de treitos urbanos de ríos ou a mellora da conectividade natural entre o medio urbano e periurbano, como é este caso.

Paula Uría destacou a boa acollida desta primeira convocatoria de achegas na que se concederon axudas a 35 concellos para a execución de 42 proxectos, esgotando os 2 millóns de euros do orzamento dispoñible. No caso da provincia da Coruña concedéronse en total 13 achegas a 11 concellos por un importe total de preto de 630.000 euros.

Todas estas iniciativas, nas que o Executivo galego aporta ata o 80% do importe subvencionable e como máximo 60.000 euros por iniciativa -cun límite de tres proxectos por solicitante- mobilizarán un investimento total de máis de 2,5 millóns, contando tanto as achegas autonómicas como as aportacións dos concellos.

O obxectivo da convocatoria é apoiar aos concellos para que realicen intervencións en espazos públicos coas que atenuar o efecto illa de calor, incrementar os espazos verdes e a biodiversidade urbana existentes e fomentar a conectividade natural entre as zonas urbanas e periurbanas aproveitando treitos fluviais e sendas.

Entre un 40% e un 70% das emisións GEI

Cómpre lembrar que o obxectivo desta liña de axudas é avanzar no obxectivo de dotar as zonas urbanas de espazos e pulmóns verdes como parques, xardíns, fontes ou áreas recreativas tendo en conta que se estima que é nas áreas máis poboadas onde se xeran entre un 40% e un 70% de todos os gases de efecto invernadoiro (GEI).

A existencia destas contornas naturais, de feito, repercute na redución das emisións á atmosfera e na mellora da calidade de vida da cidadanía polos beneficios que reportan para a saúde e para a sociabilidade, ao ser tamén espazos de encontro e lecer colectivo.

O Executivo galego lembra que este tipo de actuacións son básicas para consolidar a posición de Galicia como a comunidade española máis resiliente fronte ao cambio climático pois logrou reducir preto dun 62% as súas emisións netas de gases de efecto invernadoiro desde 1990, ano de referencia a nivel mundial para as políticas climáticas. Proxectos así serán vitais para a consecución do obxectivo da Comunidade de acadar a neutralidade climática en 2040.

Publicacións Relacionadas