HomeOurenseA LimiaA Xunta apoia en Xinzo a IV Feira do Comercio Prolimia para...

A Xunta apoia en Xinzo a IV Feira do Comercio Prolimia para reforzar o consumo de proximidade e impulsar a dinamización económica local

- Anuncio -spot_img
  • O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu esta mañá á inauguración do evento, apoiado pola Xunta no marco das axudas aos centros comerciais abertos
  • Ademais, coincidindo co inicio da feira, participará pola tarde na entrega de premios da quinta campaña quincenal da iniciativa ‘Merca no teu comercio’, realizada en colaboración coa Federación Galega de Comercio

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, asistiu esta mañá á inauguración da IV Feira do Comercio Prolimia. O evento, promovido pola asociación de comerciantes da localidade e apoiado pola Xunta no marco das axudas aos centros comerciais abertos, celebrarase ata o domingo no Pavillón de Deportes municipal e reúne os establecementos da vila, ademais de ofrecer un amplo programa de actividades para toda a familia.

Alén destacou que citas coma esta contribúen a reforzar o tecido comercial, fomentar o consumo de proximidade e consolidar o comercio como motor económico e social nas vilas galegas, ao tempo que poñen en valor o esforzo dos establecementos que forman parte dos centros comerciais abertos. Ademais, aproveitou para lembrar que está aberto actualmente —e deica o 26 de setembro— o prazo de recepción de candidaturas para os Premios do Comercio Galego 2025. A convocatoria enmárcase na aposta da Xunta por un sector comercial forte, moderno e competitivo capaz de adaptarse ás novas tendencias e demandas dada a súa importancia como xerador de riqueza e emprego, así como vertebrador do territorio.

Entrega de premios ‘Merca no teu comercio’

Precisamente coincidindo co inicio da Feira do Comercio Prolimia, esta mesma tarde Gabriel Alén, xunto coa presidenta da Federación Provincial de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez, participará na entrega de premios da quinta campaña quincenal do programa Merca no teu comercio na provincia, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Comercio e que conta tamén coa participación activa da asociación de comerciantes da localidade. Nela entregaranse 20 tarxetas prepago de 50 euros ás persoas agraciadas que rexistraran as súas compras realizadas nos negocios de Xinzo entre os días 5 e 20 deste mes de agosto, co obxectivo de impulsar as vendas no comercio local, visibilizar o seu papel na dinamización económica e social dos concellos rurais e reforzar a súa presenza nas zonas sen tecido asociativo consolidado.

Nese senso, continúan abertas outras campañas do programa na provincia de Ourense ata o 30 de agosto, concretamente nos concellos da Rúa, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín e Rubiá, como parte dunha estratexia continuada de apoio ao comercio de proximidade. Do mesmo xeito que en edicións anteriores, as persoas consumidoras poderán rexistrar as súas compras a través da páxina web oficial da campaña ou directamente nos establecementos participantes, ampliando así as opcións de participación. As tarxetas prepago que poden gañar poderán ser utilizadas nos comercios locais adheridos ata o 31 de decembro deste ano.

Publicacións Relacionadas