— O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe un taller de estampaxe téxtil na tenda Amodo de Ourense impartido por Xiana Cobo
— Mentres, a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse esta mañá a Cuntis para visitar as actividades de divulgación da cerámica impulsadas pola Fundación Terra Termarum Castrolandín
— Xa pola tarde, estivo nas iniciativas organizadas por Creativas Galegas e pola Asociación Cultural de Artesanía de Teo Arteneo
— Desde o 7 ao 12 de abril estanse a desenvolver 110 actividades de divulgación dos oficios artesanais nas catro provincias galegas, que contan co patrocinio da Xunta
Galicia continúa coa celebración dos Días Europeos da Artesanía, nos que a Xunta apoia 110 actividades de divulgación dos oficios artesanais que se desenvolven en distintas localidades ata o vindeiro domingo 12 de abril. O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe un obradoiro de estampaxe téxtil impartido por Xiana Cobo na tenda Amodo, de Ourense, adherida á marca Artesanía de Galicia. Entre a súa programación inclúense obradoiros de encadernación, impartido por Amora; de cestería, con Capixuta; e de estampaxe HapaZome, con Boro.
Pola súa banda, a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse esta mañá ata o obradoiro da Fundación Terra Termarum Castrolandín, en Cuntis, onde se están a desenvolver demostracións de cerámica ao longo de toda a semana e está previsto realizar obradoiros de iniciación a este oficio mañá e pasado, 10 e 11 de abril.
Xa pola tarde, Elena Fabeiro visitou as iniciativas impulsadas por Creativas Galegas, en Santiago de Compostela, e pola Asociación Cultural de Artesanía de Teo Arteneo na Casa Común de Calo Marisa Mirás. En Creativas Galegas hoxe xoves desenvólvese un obradoiro de xoiería impartido por Sonia Arnáiz, no marco dunha programación de actividades que inclúe un obradoiro de bixutería con Mica, realizado onte mércores; de alambrismo, con Hana no Boshi, e de coiro, con Dona Formiguinha, mañá venres 10; e de calceta, con La con Agarimo, o sábado 11. Ademais mañá haberá unha demostración de encadernación con Amora Artesanía.
En canto ás actividades en Teo, a xerente visitou esta tarde o obradoiro de carpintería impartido por Tresoficios e o de xoias con filigrana, a cargo de Brigantia Orfebres. A programación das Xornadas de exaltación da artesanía teense apoiada pola Fundación Artesanía de Galicia inclúe outros obradoiros, demostracións e charlas a cargo de Álex Regueiro, especializado en téxtil; Spacio B, de decoración; BrigantiaOrfebres; Ferraxe de Prata, de xoiería; OliXiráldez, de instrumentos musicais, e Iago Salgado, de pandeiretas.

