HomeA CoruñaA CoruñaA Xunta apoia o concello de Bergondo con preto de 60.000 euros...

A Xunta apoia o concello de Bergondo con preto de 60.000 euros para acondicionar un bosque autóctono de uso público no parque empresarial

- Anuncio -spot_img

— A directora xeral salientou que esta actuación recibiu financiamento a través das axudas destinadas ás entidades locais para impulsar zonas verdes e refuxios climáticos na súa área de influencia

— A comezos de 2026 publicarase a segunda convocatoria desta liña de apoios, logo de que na primeira se concedesen achegas a 36 concellos para 42 proxectos e se esgotasen os 2 millóns de euros orzamentados

— As obras, cun investimento total de 75.000 euros, inclúen a adecuación do terreo mediante a súa roza e limpeza, a substitución de especies exóticas por autóctonas, así como a instalación de hoteis de insectos e elementos de observación da paisaxe
A Xunta de Galicia concedeu unha axuda de preto de 60.000 euros ao Concello de Bergondo para o acondicionamento dun bosque autóctono de uso público no parque empresarial da localidade.
A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, visitou hoxe a zona para coñecer o resultado dos traballos, e explicou que esta actuación recibiu financiamento a través da liña de axudas do Executivo galego destinadas aos concellos para impulsar zonas verdes e crear refuxios climáticos.
As obras, cun investimento total de preto de 75.000 euros, incluíron a adecuación do terreo mediante a súa roza e limpeza e a substitución de especies exóticas por árbores autóctonas. A maiores, tamén se instalaron hoteis de insectos e caixas niños, así como elementos de descanso e observación da paisaxe.
A responsable autonómica lembrou que esta actuación se enmarca nas axudas da Xunta a entidades locais de Galicia para a aplicación de solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e perirurbanos, uns apoios convocados por primeira vez o pasado ano. Concretamente correspóndese coa liña C para a mellora da infraestrutura verde e azul mediante actuacións como a restauración de treitos urbanos de ríos ou a mellora da conectividade natural entre o medio urbano e periurbano, como é este caso.
Paula Uría destacou a boa acollida da primeira convocatoria de achegas na que se concederon axudas a 36 concellos para a execución de 42 proxectos, esgotando os 2 millóns de euros do orzamento dispoñible. No caso da provincia da Coruña concedéronse en total 13 achegas a 11 concellos.
Nesa liña, a directora xeral lembrou que o Goberno galego seguirá o vindeiro ano apoiando aos concellos con esta liña de financiamento. Así, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático convocará a comezos de 2026 a segunda convocatoria destas axudas con orzamento de 2 millóns de euros.
Ao igual que na primeira convocatoria, o Executivo galego aportará ata o 80% do importe subvencionable e como máximo 60.000 euros por iniciativa -cun límite de tres proxectos por solicitante-.
O obxectivo da convocatoria é apoiar aos concellos para que realicen intervencións en espazos públicos coas que atenuar o efecto illa de calor, incrementar os espazos verdes e a biodiversidade urbana existentes e fomentar a conectividade natural entre as zonas urbanas e periurbanas aproveitando treitos fluviais e sendas.

Publicacións Relacionadas