— O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes comprobou o funcionamento do pick-up financiado a través dun convenio co Goberno galego
— O Goberno galego achegou preto de 37.000 euros á dotación destinada a labores de mantemento da contorna e de protección do medio natural
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe Cerdido para comprobar a dotación para labores de mantemento da contorna e de protección do medio natural adquirida polo Concello no marco dun convenio de colaboración co Goberno galego. Trátase dun pick-up eléctrico cofinanciado pola Xunta con preto de 37.000 euros.
O vehículo destínase á recollida e traslado de residuos voluminosos, así como á protección de espazos naturais, incluídas aquelas actuacións que teñen por obxecto a prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou risco. Nel trasládase ademais tanto o persoal como as ferramentas precisas para o desenvolvemento destas tarefas. O custo total da dotación ascendeu a case 48.000 euros.
O Concello xustificou a súa adquisición na necesidade de coidar e protexer o patrimonio natural dun municipio de carácter marcadamente rural, e do mantemento de servizos esenciais como son o abastecemento, o saneamento, a limpeza de leitos e vías ou a xestión de residuos. A administración local carecía de recursos suficientes para facerlle fronte a estas necesidades.
Diego Calvo enmarcou o apoio da Xunta nesta adquisición no compromiso coas administracións locais, como entidades máis próximas á cidadanía. Así, lembrou que o Goberno galego abre cada ano diversas liñas específicas para os concellos, como o Fondo de Compensación Ambiental, a orde de infraestruturas de uso municipal e o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, ás que se sumou o pasado exercicio a orde plurianual para melloras de eficiencia enerxética cofinanciada con fondos Feder. O conxunto delas supuxo en 2024 un investimento de 32 millóns de euros para impulsar preto de 700 proxectos municipais.
O conselleiro salientou que concretamente Cerdido, ao abeiro das distintas convocatorias, recibiu nos últimos exercicios preto de 200.000 euros, cos que adquiriu diverso equipamento, como unha biotrituradora ou unha rozadoira, e mellorou infraestruturas municipais, como a casa consistorial. Ademais, en 2024 recibiu preto de 137.000 euros do fondo base do Fondo de Cooperación Local.
A maiores destas liñas de axudas, a Xunta asina convenios de colaboración para cubrir necesidades urxentes das administracións locais enmarcadas neses obxectivos, como foi o caso de Cerdido. Así asináronse acordos con outros 13 concellos para adquisición de equipamento, obras de eficiencia enerxética e outras melloras en infraestruturas e servizos municipais.
No que se refire ao apoio para a adquisición de vehículos destinados á prestación de servizos municipais, a Xunta investiu 2,6 millóns de euros no período 2023-2024 en achegas a 75 concellos. Trátase tanto de dotacións utilizadas para a realización de tarefas relacionadas co mantemento e protección do medio natural como de coches híbridos ou eléctricos, con etiqueta Cero emisións ou ECO para os respectivos corpos de Policía Local. Deste xeito impúlsase tamén a modernización e a eficiencia enerxética do parque móbil municipal.