A Xunta apoiará este curso con bolsas de ata 2.500€ que 81 universitarios galegos estuden fora da UE

adminON
Lectura mínima de 3
  • Un total de 37 son estudantes da Universidade de Santiago de Compostela, 24 da da Coruña e 20 da de Vigo, con moita variedade de titulacións
  • O país ao que se desprazan máis alumnos é Chile, con 24, seguido de México, EEUU, Uruguai, Brasil, Arxentina, Corea do Sur, Xapón, Canadá, Reino Unido, China, Costa Rica, Panamá e Suíza

Un total de 81 alumnos das universidades públicas galegas beneficiaranse no curso 2025/26 das bolsas da Xunta para facer mobilidades en países extracomunitarios. O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución destas axudas, ás que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destina 250.000€.

O 60% das persoas beneficiarias son mulleres e o 40% homes. Por universidades, 37 son estudantes da Universidade de Santiago de Compostela, 24 da da Coruña e 20 da de Vigo. Por ramas de coñecemento, 35 cursan titulacións de Ciencias Sociais e Xurídicas, 16 de Enxeñaría e Arquitectura, 15 de Ciencias, 12 de Ciencias da Saúde, dous de Artes e Humanidades e un dun dobre grao que abrangue titulacións de distintas ramas.

As bolsas son de 1.700€ para intercambios realizados en Europa (en países que non forman parte da UE) e de 2.500€ para o resto do mundo. O país ao que se desprazan máis estudantes é Chile (24), seguido de México (nove), EEUU (oito), Uruguai (sete), Brasil (sete), Arxentina (seis) Corea do Sur (seis), Xapón (catro), Canadá (tres) e Reino Unido (tres). Ademais, China, Costa Rica, Panamá e Suíza recibirán un alumno cada un.

O obxectivo desta liña de axudas é favorecer a participación da mocidade galega en programas de mobilidade en universidades estranxeiras que lles permitan mellorar o seu nivel de idiomas e propiciar o seu enriquecemento cultural. A natureza destas experiencias posibilita ao alumnado integrarse nunha comunidade estranxeira e desenvolver os seus coñecementos académicos, profesionais e persoais.

Programa Galemundo

As bolsas para estudar en universidades fóra da Unión Europea complétanse coas dirixidas a universitarios dentro da UE, o coñecido como programa Erasmus+ xestionado a nivel estatal polo Servicio Español para la Internacionalización de la Educación. Nese marco, a Xunta encárgase de complementar as axudas para os universitarios de Galicia, que para o curso que vén están pendentes de resolución definitiva.

Ambas iniciativas forman parte do programa Galemundo da Xunta para impulsar a internacionalización no ensino. Máis de 7.000 persoas, entre estudantes e docentes, participan en mobilidades noutros países grazas a esta iniciativa, dotada con máis de 15M€ e que aglutina as bolsas do departamento educativo da Xunta, para facilitar que alumnos e profesores viaxen a outros países e melloren en idiomas.

Comparte este artigo