HomeXunta de GaliciaA Xunta aposta pola circularidade no sector téxtil para contribuír aos obxectivos...

A Xunta aposta pola circularidade no sector téxtil para contribuír aos obxectivos en materia de xestión de residuos e de neutralidade climática

- Anuncio -spot_img

O Goberno galego xa está a traballar para cumprir o obxectivo da Estratexia europea para a circularidade dos produtos téxtiles, que indica que en 2030 todas as prendas comercializadas na UE deben ser máis duradeiras, reutilizables e reciclables

A Xunta aposta pola circularidade no sector téxtil para contribuír aos obxectivos en materia de xestión de residuos e de neutralidade climática, segundo subliñou hoxe a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, durante a clausura do Obradoiro ecotéxtil de sostibilidade, organizado en Vigo pola Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (Cointega).

Na súa intervención, a directora xeral incidiu na necesidade de avanzar cara a un modelo máis sostible a través tanto dun consumo responsable como do tratamento especializado dos residuos para a produción de materiais reciclados.

Nesa liña, o Goberno galego xa está a traballar para cumprir o obxectivo establecido pola Estratexia europea para a circularidade dos produtos téxtiles, que indica que en 2030 todas as prendas comercializadas na UE deben ser máis duradeiras, reutilizables e reciclables, e que, ademais, sexan fabricados en gran parte a base de fibras recicladas, que estean libres de substancias perigosas e que sexan producidos con respecto aos dereitos sociais e o medio ambiente.

De feito, o Plan de xestión de residuos municipais de Galicia (PXRMG) 2030 recolle accións concretas en materia de preparación para a reutilización, valorización material e colaboración con entidades sociais.

En concreto, María José Echevarría subliñou que se están a impulsar cinco liñas prioritarias: implementación efectiva da recollida selectiva, da que xa dispoñen a gran maioría dos municipios galegos (272) e que é obrigatoria desde este mesmo ano; a alianza cos xestores de residuos autorizados, a colaboración coas entidades sociais e empresas de inserción, e a rastrexabilidade dos residuos para optimizar o seu tratamento a través da dixitalización, a tecnoloxía ou a intelixencia artificial.

A maiores, a directora xeral fixo fincapé no esforzo que está a facer o Goberno galego na dotación de infraestruturas especializadas e puxo como exemplo a construción da primeira planta pública de clasificación de residuos téxtiles, que se localizará no Complexo Medioambiental de Sogama, en Cerceda, e terá capacidade para procesar 3.000 toneladas anuais, coa posibilidade de ampliarse ata, aproximadamente, as 24.000 toneladas por ano. O cometido desta instalación centrarase na selección de téxtiles por composición e cores para remitir aos correspondentes centros recicladores.

Para concluír, Echevarría engadiu que, ademais dunha correcta xestión dos residuos, a transición cara a unha economía circular require tamén accións en toda a cadea de valor, desde o deseño dos produtos ata o consumo.

Publicacións Relacionadas