- O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe en Ourense ao alumnado da sesión formativa de márketing e vendas do programa Impulsa Comercio Galicia, da Federación Galega de Comercio e que conta co apoio do Goberno galego
- En paralelo a esta iniciativa e tamén ao abeiro da colaboración entre ambas partes, impártese aos profesionais do comercio formación sobre facturación electrónica para que actualicen os seus coñecementos e a prol da competitividade do sector
- O director xeral sinalou que este tipo de accións forman parte da aposta do Executivo autonómico por impulsar a competitividade do comercio de proximidade, reflectida no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, deu hoxe a benvida ás persoas participantes na sesión formativa de márketing e vendas do programa Impulsa Comercio Galicia. Obradoiros para transformar o teu negocio con dixitalización, innovación e sustentabilidade, unha iniciativa da Federación Galega de Comercio que conta co apoio da Xunta. Este programa extraordinario de formación e asesoramento está dirixido ao sector comercial galego, co fin de reforzar as súas competencias profesionais.
A sesión de hoxe celebrouse na Confederación de Emprearios de Ourense, puido seguirse en formato presencial e online e é unha das 18 accións formativas que abarca esta iniciativa. Estas accións céntranse en catro grandes áreas, que son dixitalización, marketing e vendas, xestión e estratexia e tendencias e sustentabilidade.
Este programa enmárcase no convenio de colaboración entre o Goberno galego e a Federación Galega de Comercio, baseado en tres liñas de actuación, que son as relacionadas coa promoción comercial, asesoramento e formación, e o impulso da dixitalización.
Accións a prol da competitividade do sector
De feito, en paralelo ao programa Impulsa Comercio Galicia e tamén ao abeiro do convenio entre ambas partes, impártese aos profesionais do comercio formación sobre facturación electrónica co fin de que actualicen os seus coñecementos e contribuír a impulsar a competitividade do sector.
A facturación electrónica tamén será un dos temas que se abordará na xornada Impulsando o comercio galego. Innovación, dixitalización e experimentación, que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración organizará o vindeiro 17 de outubro no centro GaiasTech, en Santiago de Compostela.
No marco da sesión formativa de hoxe, Gabriel Alén sinalou que este tipo de accións forman parte da aposta do Goberno galego por impulsar a competitividade do comercio de proximidade e apoiar ao sector na adaptación ás tendencias de consumo coa introdución de tecnoloxías, así como no compromiso ambiental. Isto reflíctese no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.