O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou na xornada ‘A mediación: outra forma de resolución de conflitos e potenciar a competitividade das empresas’, organizada pola Cámara de Comercio e o Centro Español de Mediación
O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, salientou a cidadanía como elemento central dunha xustiza sostible e capaz de resolver os problemas de maneira efectiva. A xustiza debe desenvolverse ademais nun “contexto pacifico, evitando o conflito latente e permanente”, segundo afirmou na xornada A mediación: outra forma de resolución de conflitos e potenciar a competitividade das empresas, onde abordou a Estratexia galega de mediación.
Así, no encontro organizado pola Cámara de Comercio e o Centro Español de Mediación, José Tronchoni incidiu na importancia de impulsar a participación da cidadanía no sistema de xustiza co obxectivo de buscar solucións pactadas que garantan a paz social e a convivencia. Nesta liña, referiuse tamén á necesidade de introducir mecanismos para facilitar a axilidade e a eficiencia. “O obxectivo é traballar nun proxecto que facilite a interoperabilidade entre os distintos sistemas e cos rexistros doutras administracións”, apuntou, así como buscar “a orientación ao dato de calidade e o acceso automático ao expediente xudicial”.
Cómpre sinalar que a Xunta apoia a mediación a través de acordos con colectivos de profesionais da avogacía e da procuradoría e outras medidas, cun orzamento que en 2024 sumou 125.000 euros.