O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participa nas actividades organizadas no Instituto de Educación Secundaria Ribeira do Louro, onde incidiu na necesidade de facer un uso responsable do número 1-1-2
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, participaron esta mañá no Porriño nas actividades ideadas para celebrar o Día Europeo do 112, acollidas nas instalacións do Instituto de Educación Secundaria Ribeira do Louro.
Esta xornada busca achegar a importancia do número único de emerxencias europeo á mocidade, un público esencial á hora de construír unha sociedade cada vez máis consciente dos riscos da contorna, das medidas de autoprotección necesarias en cada caso e, sobre todo, dos recursos dispoñibles para afrontar unha situación de emerxencia.
No marco desta iniciativa, levouse a cabo unha demostración do novo sistema avanzado de retransmisión de vídeo en tempo real e dun dron de última xeración destinados a actualizar e ampliar a capacidade operativa do Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da Axega. A incorporación destas ferramentas supón un importante paso cara ao futuro das emerxencias en Galicia en termos tecnolóxicos, de coordinación operativa e de protección da poboación.
Por unha parte, a plataforma de vídeo permite a visualización en directo e a xestión das imaxes captadas polas cámaras e drons xa existentes na Axega, pero tamén a través doutras fontes externas. Isto proporciona aos responsables da toma de decisións unha visión global en tempo real dunha emerxencia ou evento multitudinario, mellorando a eficacia nas intervencións.
A plataforma conta cun sistema de xestión de usuarios que permite asignar diferentes niveis de acceso, garantindo a seguridade da información e optimizando o traballo colaborativo e simultáneo.
Por outra banda, tamén se exhibiu un dron que conta cunha cámara dual
-térmica e vídeo- e un láser que aumenta a precisión das operacións de busca e rescate, incluso en condicións meteorolóxicas adversas. De feito, grazas ás súas baterías calefactadas pode voar a temperaturas moi por debaixo dos cero graos (entre -20ºC e 50ºC), e resiste fortes refachos de vento e chuvias intensas.
Ao mesmo tempo, a combinación dunha autonomía superior aos 40 minutos de voo cun sistema de posicionamento de alta precisión permite ao dispositivo operar a unha distancia de ata oito quilómetros respecto do mando. O proxecto está cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.
O conselleiro de Presidencia puxo en valor o traballo que se leva a cabo no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, desde o que se xestionan as chamadas relacionadas con incidencias en Galicia e, polo tanto, desde o que se coordina a mobilización de recursos para ofrecer unha resposta áxil e eficiente. Nesta liña, incidiu na necesidade de facer un uso responsable do número 1-1-2 e sinalou que a xornada de hoxe tamén serve para destacar o labor dos profesionais dispoñibles os 365 días do ano durante as 24 horas.
Cada 11 de febreiro celébrase o Día Europeo do 112, unha data promovida pola Unión Europea para difundir o coñecemento deste número único de emerxencias. O 1-1-2 funciona en todo o territorio comunitario como un servizo gratuíto e accesible en múltiples idiomas, permitindo unha resposta rápida e coordinada ante calquera situación de emerxencia. Iniciativas desta natureza contribúen a formar ás novas xeracións na cultura da prevención e na correcta utilización deste recurso esencial para a cidadanía.
Ademais do evento celebrado en Porriño, desde o 112 Galicia impúlsase durante o mes de febreiro un concurso de debuxo relacionado co Día Europeo do 112. Está dirixido ao alumnado de infantil e primaria dos colexios que visitaron o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias-112 Galicia.
Todo isto compleméntase coas diversas accións en redes sociais, nas que se dedican importantes esforzos para concienciar á cidadanía sobre a relevancia do servizo.