— O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe nas ‘Conversas no Parador’, organizadas polo Club de Prensa de Ferrol, onde explicou que a Xunta está a avaliar as medidas e investimentos precisos para atender as demandas en materia de mobilidade da cidadanía ferrolá
— Lembrou o compromiso da Xunta coa cidade e a comarca a través do Pacto de Estado por Ferrol, que inclúe proxectos como a Cidade do Deporte ou ‘Abrir Ferrol ao mar’
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, defendeu esta mañá o compromiso da Xunta con Ferrol e a súa comarca e a necesidade de que o Goberno central tamén asuma as súas competencias, en especial, no que se refire á modernización das infraestruturas ferroviarias pendentes. Así o sinalou nas Conversas no Parador, acto organizado polo Club de Prensa de Ferrol, no que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.
Na súa intervención, Diego Calvo explicou que a mellora da conexión por ferrocarril entre Ferrol e A Coruña ten que ser unha prioridade para o Goberno central e materializarse en feitos. Por iso, a Xunta está a traballar nun estudo para avaliar as obras e investimentos necesarios que permitirían reducir a case a metade os tempos de viaxe actuais de 1 hora e 20 minutos. Para acadar ese obxectivo o Goberno galego -como sinalou o conselleiro de Presidencia- considera necesario avanzar nas obras na liña entre Ferrol e A Coruña, tanto con melloras no trazado como co avance nos traballos na variante de Betanzos.
Nesta liña, apuntou tamén que para completar o Eixo Atlántico ferroviario é fundamental levar a cabo a modernización nesta liña ferroviaria.
Ademais, instou ao Executivo estatal a desbloquear o proxecto da estación intermodal para que Ferrol non sexa a única cidade galega sen unha infraestrutura destas características e para o que é preciso -indicou- que Adif asine o convenio que permita iniciar os trámites.
Por outra parte, lembrou a reclamación da Xunta ao Goberno central para modernizar o Feve Ferrol-Ribadeo e dotar do material rodante comprometido desde 2018. Así, lamentou que nesta liña ferroviaria estratéxica para a conexión das comarcas da Mariña, Ortegal e Ferrolterra e para a comunicación de Galicia con Asturias e como continuación cara ao País Vasco se acumule un déficit de investimentos nos últimos anos. Tamén abundou na exclusión de Galicia da medida excepcional do Goberno central que aplica en Asturias e en Cantabria de gratuidade deste servizo ata 2026.
Compromiso da Xunta con Ferrol
No que se refire ás actuacións levadas a cabo desde a Xunta puxo en valor a execución das medidas do Pacto de Estado por Ferrol, a folla de ruta aprobada en 2021 para avanzar na recuperación industrial da comarca. Entre os compromisos adquiridos ante a cidadanía con esta iniciativa, destacou como exemplo o proxecto Ferrol, Cidade do Deporte, do que se asinou o convenio ano pasado cun investimento de 18 millóns previstos ata 2027 a partes iguais entre o Goberno galego e o Concello de Ferrol coa finalidade de levar a cabo a renovación das infraestruturas deportivas da cidade.
Outra das medidas recollidas no plan aposta por converter Ferrol nunha cidade máis humanizada fomentando a mobilidade sustentable a través do proxecto Abrir Ferrol ao mar, conxunto entre a Xunta, o Concello e a Autoridade Portuaria. A iniciativa, da que se está a rematar a primeira fase, inclúe zonas verdes, poñer a disposición máis prazas de aparcamento e impulsar sendas para que a veciñanza se desprace a pé ou en bicicleta.