— O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participa no acto de entrega do I Premio Pioneiros da Lousa en Vilamartín de Valdeorras (Ourense)
— Apunta que a Xunta seguirá colaborando con actuacións no sector louseiro en materias como promoción, innovación ou seguridade e saúde laboral, entre outras
O I Premio Pioneiros da Lousa galardoou esta mañá a concellos, empresas e traballadores do sector louseiro nun acto celebrado en Vilamartín de Valdeorras (Ourense), un dos municipios premiados. O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, subliñou durante a entrega de distincións a aposta da Xunta pola xeración de riqueza a través de explotacións mineiras sustentables.
Fernández Vila, que estivo acompañado do delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, fixo entrega do premio ao municipio de Carballeda de Valdeorras e aproveitou para agradecer a todas as entidades locais o seu apoio ao sector. No acto organizado polo Clúster da Pizarra en colaboración coa Xunta de Galicia, o director xeral confirmou que o Goberno galego seguirá colaborando co sector da lousa en ámbitos como a promoción, innovación ou seguridade e saúde laboral, entre outras.
Nesta liña, resaltou as axudas da Consellería de Economía e Industria para combater o po de sílice, que acumulan máis de 4 millóns de euros desde 2018, así como os apoios para a realización de proxectos de restauración de escombreiras mediante drons ou para accións de promoción e difusión.