A Xunta aposta polo emprendemento e a atracción de talento como vías para impulsar a remuda xeracional nos negocios

adminON
Lectura mínima de 5

― José González salientou a simplificación administrativa das axudas específicas para autónomos cunha convocatoria única para o ano que vén dotada con 40M€ complementándose coas destinadas ao emprendemento ata superar os 60M anuais

― Puxo en valor o rol da Rede de polos de emprendemento que desenvolve o Plan Remuda para evitar o peche de negocios e garantir a súa continuidade facilitando que as persoas interesadas en emprender poidan recoller a testemuña dun negocio

― Destacou que a Xunta ten en marcha o Plan Remuda para evitar o peche de negocios e garantir a súa continuidade, así como o pulo ao emprendemento nos negocios locais a través do Plan estratéxico do comercio que se está a elaborar

― Salientou o labor de AJE Galicia a prol do desenvolvemento dun tecido empresarial vivo e competitivo e a súa colaboración co Executivo autonómico para facilitar a remuda xeracional á fronte dos negocios, na que se enmarca este congreso

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, salientou hoxe en Allariz a aposta do Goberno galego polo emprendemento e a atracción de talento para impulsar a remuda xeracional nos negocios.
Así o sinalou na apertura do congreso Remuda, outro xeito de emprender, organizado pola Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Galicia e enmarcado na colaboración entre esta entidade e a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para facilitar a remuda xeracional á fronte dos negocios, especialmente no rural.
Alí estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e tamén salientou a aposta da Xunta pola simplificación administrativa das axudas específicas para autónomos a través dunha convocatoria única para o ano que vén dotada con 40M e na que se consolidarán as para a consolidación e crecemento de negocios, ademais do propio Bono Remuda. Esta cantidade sumarase aos investimentos ao emprendemento neste sector ata superar os 60 millóns de euros, especificou. Outra acción que se desenvolverá o ano que vén é a Academia de formación en liña para autónomos.
Ademais, para reforzar as oportunidades laborais entre os colectivos prioritarios como os menores de 30, o Goberno galego conta coa ferramenta tecnolóxica EMi nas oficinas de emprego de Galicia e está a impulsar as microformacións para axustar a formación para o emprego ás necesidades e demandas do tecido empresarial.
Remuda xeracional nos negocios
En relación coa remuda xeracional, José González, puxo de relevo o papel da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego coa que a Xunta desenvolve o Plan Remuda para evitar o peche de negocios e garantir a súa continuidade, así como o pulo ao emprendemento nos negocios locais a través do Plan estratéxico do comercio que se está a elaborar.
Tamén mencionou ferramentas para a coordinación do ecosistema emprendedor como o Mapa do Emprendemento ou o novo Centro de Orientación ao Emprendemento. Este tipo de medidas, lembrou, foron decisivas no recoñecemento a Galicia como Rexión Europea Emprendedora 2025.
A maiores, citou os apoios ao emprendemento e o programa Retorna Cualifica Emprego ao abeiro da Estratexia Galicia Retorna para a captación de talento procedente da comunidade galega no exterior.
O conselleiro aproveitou ademais a ocasión para poñer en valor a colaboración entre AJE Galicia e a Xunta, así como o labor desta entidade a prol do desenvolvemento dun tecido empresarial vivo e competitivo. Un exemplo é o congreso de hoxe para intercambiar impresións e escoitar voces de experiencia no ámbito empresarial como a de Ágatha Ruiz de la Prada; a do experto en economía e profesor da Universidade de Barcelona, Gonzalo Bernardos, representantes de empresas como o Grupo Cuevas e o Grupo Vegalsa Eroski e no que tamén participou o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández.

Comparte este artigo