O IET manterá en 2025 a súa aposta polo fermosismo e destinará 2 M€ a unha nova convocatoria de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos
O director do Instituto do Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, apostou hoxe por implicar a toda a sociedade no coidado da riqueza paisaxística de Galicia por ser un elemento fundamental do patrimonio da Comunidade.
Durante a súa participación no acto de entrega do Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe 2024, o director do IET puxo en valor o compromiso dos galardoados -as Cabanas de Enoturismo María Manuela, a Casa Grande de Xanceda, restaurante Culler de Pau e o forno de pan de Cea Aboamigalla- coa calidade construtiva e a correcta integración paisaxísticas das actuacións que foron recoñecidas.
Enrique de Salvador incidiu na importancia da implicación das administracións, o sector privado e a cidadanía para seguir a protexer a paisaxe como sinal de identidade da comunidade. Nesa liña, o IET manterá en 2025 a súa aposta polo fermosismo e destinará 2 M€ a unha nova convocatoria de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos.
De feito, o vindeiro 9 de xaneiro publicarase no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria de axudas a particulares e concellos para mellorar a imaxe exterior de vivendas e inmobles e equipamentos municipais. Cómpre lembrar que, desde a posta en marcha desta iniciativa, no ano 2021, o Goberno galego apoiou con 9,5 M€ a máis de 110 entidades locais e a 2.100 familias na execución de obras e actuacións para a corrección de impactos paisaxísticos.