O Concello de Tui lidera as achegas recibidas na zona, con 190 solicitudes aprobadas por un montante total de máis de 330.000€
Tomiño e A Guarda tamén superan a vintena de compensacións para paliar os efectos das restricións das medidas sanitarias fronte á covid-19
A Xunta de Galicia aprobou case 260 axudas para o sector hostaleiro da bisbarra do Baixo Miño ao abeiro do seu Plan de Rescate para Autónomos, Microempresas e Hostalería, aprobado a finais do pasado ano para paliar os efectos socioeconómicos das restricións das medidas sanitarias fronte á covid-19 neste sector e outros afectados pola pandemia. Deste xeito, estase a inxectarlle máis de 500.000€ para superar a actual situación.
O Concello de Tui lidera as achegas compensatorias á hostalería recibidas da Xunta de Galicia, xa que cursáronse ata 190, entre as tres liñas do Plan de Rescate, por un importe total de 333.750€.
Pola súa banda, os Concellos de Tomiño e A Guarda tamén superan a vintena de axudas aprobadas polo executivo autonómico para colaborar co sector ante os prexuízos da pandemia. En calquera caso, as achegas alcanzaron, en maior ou menor medida, a todos os concellos da bisbarra, xa que Oia e O Rosal contan con 13 e 5 compensacións, respectivamente.
A piques de pechar esta primeira convocatoria do Plan de Rescate, a Xunta aprobou máis de 7.600 axudas por importe de case 14 millóns de euros na provincia de Pontevedra e ata 24.000 en toda Galicia. Ata o momento, no ámbito da comunidade, abonáronse máis de 20.000 compensacións por importe de 37 millóns de euros e os pagos quedarán completados nos próximos días.
Segundo Plan de Rescate
No marco da liña de colaboración e apoio ao sector da hostalería consensuada cos seus representantes, a Xunta xa está a perfilar un segundo Plan de Rescate para Autónomos, Microempresas e Hostalería cun montante de alomenos 50 millóns de euros e que se orientará a paliar os efectos económicos das medidas sanitarias fronte a terceira vaga da covid-19. Esta nova liña de compensacións directas, anunciada polo presidente, Alberto Núñez Feijóo, e que atende ás peticións dos representantes do Clúster de Turismo e da Mesa de Negociación da Hostalería, manterá o mesmo formato que a primeira con tres ordes que serán acumulables para este sector e compatibles coas percepcións anteriores, pero que esixirá menos requisitos e terá unha maior axilidade administrativa.
A intención da Xunta de Galicia, atendendo ao acordo no marco do diálogo social co sector da hostalería, pasa por activar este novo Plan de Rescate no mes de febreiro, pero previamente, o vindeiro luns, haberá unha reunion coas deputacións e a Fegamp para ver a posibilidade de que se sumen a estas achegas a través da creación dun Fondo Covid-19, xa que o Goberno galego estima que podería ser máis ambicioso, fortalecer o apoio ao sector e responder á súa demanda e á da cidadanía de actuar conxuntamente e sumando sinerxias con unidade de acción.