- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a revisión do organismo, do que forman parte 12 asociacións e federacións, oito delas en representación do departamento de transporte de viaxeiros e as catro restantes no de mercadorías
- No comité están representadas case 5.000 empresas que agrupan a máis de 20.600 autorizacións de transporte, case o 60% das 35.900 existentes na comunidade
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a revisión aprobada pola Xunta sobre a composición e votos das asociacións e federacións integrantes dos departamento de transporte de viaxeiros e de mercadorías do Comité Galego de Transporte por Estrada (CGTE).
A nova composición deste Comité está integrada por 12 asociacións e federacións. Oito delas obtiveron representación no departamento de transporte de viaxeiros: Federación Galega de Asociacións de Transporte de Viaxeiros en Autocar (Transgacar), Federación Galega de Transportes de Viaxeiros (Fegatravi), Asociación Empresarial de Transporte de Viaxeiros por Estrada en Galicia (Galibus), Federación Galega de Servizos de Transportes en Autobús (Fegabus), Federación de Autónomos do Taxi de Galicia (Fegataxi), Asociación Empresarial de Transportes Colectivos Urbanos de Viaxeiros de Galicia (Aetcuvg), Asociación Empresarial de Aluguer de Vehículos con e sen Conductor de Galicia (Galeval) e Asociación de Concesionarios de Estacións de Autobuses de Galicia (Aceag).
As catro restantes forman parte do departamento de transporte de mercadorías. Trátase da Federación Galega de Transportes de Mercadorías (Fegatramer), a Federación da Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada (Apetamcor), a Federación Unidade Galega de Transportistas-Vieiros (Feugatrans) e a Federación Empresarial de Transportes de Mercadorías por Estrada de Galicia (Fetram).
Á súa vez o departamento de transporte de viaxeiros divídese nas seccións de transporte público de viaxeiros en autobús tanto regular de uso xeral interurbano como discrecional ou urbano, así como de viaxeiros en vehículos de menos de nove prazas, incluíndo o condutor e de actividades complementarias do transporte por estrada e a sección de estacións de transporte. Canto ao transporte de mercadorías, establécense as seccións de estacións de transporte, transporte público de mercadorías en vehículos pesados e lixeiros e actividades auxiliares e complementarias do transporte por estrada de mercadorías.
Oito das federacións e asociacións xa estaban no comité saínte -Transgacar, Fegatravi, Fegataxi, Aetcuvg, Aceag, Fegatramer, Apetamcor e Fegatravi-, ao mesmo tampo que se sumaron Galibus, Fegabus, Galeval e FeugaTrans como novas incorporacións.
No actual comité están representadas 4.917 empresas que agrupan a 20.625 autorizacións de transporte, máis do 57% das 35.925 existentes en Galicia. A meirande parte das autorizacións (15.088) corresponden a camións lixeiros e pesados, 3.497 a autobuses, 1.802 a taxis e 230 a outras actividades.
Tras a última renovación en xuño de 2020 esta revisión era un compromiso co sector. Por iso, co fin de revisar a composición do organismo, se convocou ás asociacións profesionais de transportistas e de empresas de actividades auxiliares e complementarias do transporte por estrada para acreditaren a súa representatividade.
Unha vez revisada e contrastada a documentación e datos presentados e o cumprimento dos requisitos de representatividade e afiliación establecidos, a Dirección Xeral de Mobilidade realizou os cálculos para determinar a representatividade das asociacións e federacións en función do número de empresas e autorizacións asociadas, conforme ao establecido no Decreto 251/1998.
Contra a resolución publicada hoxe no DOG poderán presentar recurso de alzada perante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo máximo de un mes contado a partir de mañá.
O CGTE é un órgano de colaboración e representación do sector profesional do transporte por estrada perante a Administración autonómica e outras entidades ou organismos de carácter autonómico, creado polo Decreto 251/1998, do 10 de setembro, que establece as súas funcións, estrutura, funcionamento e revisión periódica da composición das distintas seccións que o conforman.



