- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto polo que a comunidade recibe as funcións e servizos traspasados pola Administración Xeral do Estado sobre a ordenación dos espazos de dominio público marítimo-terrestre
- A Comunidade comeza a xestionar 1,6 millóns de hectáreas de costa, un territorio que concentra o 58% da súa poboación, 1,5 millóns de persoas de 86 concellos
- Ángeles Vázquez salienta que se trata dunha cuestión transversal que afecta a todos os departamentos do Executivo galego na que se vai buscar tanto dar seguridade xurídica ao conxunto da cidadanía como simplificar ao máximo os trámites
- Subliña o papel do presidente da Xunta Alfonso Rueda para acadar este fito, como impulsor e “pai” da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia
- A conselleira lembra que están en marcha proxectos para poñer en valor o litoral como a senda que discorrerá entre Ribadeo e A Guarda, o concurso para deseñar chiringuitos biosostibles ou a elaboración dun catálogo de bens de interese cultural
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, celebrou que a Xunta asume desde hoxe a xestión e ordenación plena do litoral co obxectivo claro de conxugar a protección do medio ambiente co desenvolvemento socioeconómico de Galicia. De feito, o Diario Oficial de Galicia publica no día de hoxe o decreto polo que a comunidade asume as funcións e servizos traspasados pola Administración Xeral do Estado en materia de xestión da costa.
A responsable autonómica salientou durante a clausura da xornada O noso litoral: claves para a súa xestión integral e o seu desenvolvemento sostible -organizada con motivo deste fito para Galicia- a importancia dunha cuestión que vai permitir xestionar 1,6 millóns de hectáreas de costa, un territorio no que se concentra o 58% da poboación galega, 1,5 millóns de persoas pertencentes a 86 concellos.
De feito, incidiu, trátase dun asunto transversal no que van estar involucrados todos os departamentos da Xunta co fin de acadar unha xestión eficiente protexendo de maneira escrupulosa o litoral, dando seguridade xurídica e buscando o equilibrio entre o desenvolvemento socioeconómico e a conservación dos valores naturais, patrimoniais, paisaxísticos e culturais, entre outros.
Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, e pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, puxo en valor que Galicia comeza a xestionar a súa costa -porque ninguén mellor que as galegas e os galegos coñecen as súas particularidades- e pon fin a unha etapa na que as decisións máis relevantes sobre o dominio público marítimo-terrestre se tomaban a centos de quilómetros de distancia.
Neste sentido, subliñou o papel que tivo durante todo o proceso o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que foi, segundo dixo, o principal impulsor deste fito histórico como “pai” da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.
A partir de hoxe, subliñou a conselleira, Galicia pasa a xestionar centos de expedientes de autorización e concesión de dominio público marítimo-terrestre sen requirir o informe preceptivo do Estado que si precisan outras comunidades como Cataluña, Andalucía ou Baleares e faino buscando simplificar ao máximo os trámites e facilitar a vida ao conxunto da cidadanía. Por iso, a Xunta puxo en marcha un novo espazo web baixo o nome de Galicia litoral no que se centralizará toda a información sobre esta cuestión.
Solicitude única
De feito, nese portal os usuarios teñen toda a documentación que necesiten sobre os distintos procedementos así como a sede electrónica para poder realizalos a través dunha solicitude única. Isto xa supón dous avances respecto á xestión do Goberno central pois a tramitación realizarase de xeito electrónico -eliminando o papel- e centralizándoo nun único expediente, o que axilizará e optimizará todos os pasos para facelos máis sinxelos e próximos á cidadanía.
Nesta liña, a responsable autonómica salientou que o Executivo galego avanza no desenvolvemento dos distintos instrumentos e órganos previstos na Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia e que o próximo fito será a creación do Foro do litoral, o máximo órgano colexiado de participación, consulta e asesoramento en materia de ordenación da costa. Nestes momentos, engadiu, estase coa elaboración do decreto co obxectivo de que se aprobe antes de que remate o verán.
A maiores, lembrou, a comunidade celebrará nos próximos meses tanto un cumio de concellos costeiros como outro de comunidades autónomas sobre a xestión do litoral para aproveitar sinerxías e afondar nunha axeitada xestión dos espazos de dominio público marítimo-terrestre.
Ángeles Vázquez sinalou que a maiores de dar pasos no desenvolvemento da lei, a Xunta avanza en proxectos concretos para impulsar a costa como a creación dunha gran senda litoral na que se unificarán todos os tramos peonís e ciclistas desde Ribadeo ata A Guarda. Esta iniciativa, en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia, suporá un investimento de 4 millóns de euros e nela empregaranse sinais e indicadores comúns que a fagan facilmente recoñecible e identificable en calquera punto do seu percorrido.
Outro proxecto novidoso é un concurso de ideas que se lanzará este verán para que estudos de arquitectura e deseño propoñan un modelo de chiringuito biosostible que sirva para todas as empresas interesadas en instalar un establecemento deste tipo na costa. A idea é comezar con instalacións temporais durante o verán -contando cun deseño móbil- apostando pola bioarquitectura, a eficiencia enerxética e a sostibilidade.
Outras das iniciativas que destacou a conselleira foi o programa de revitalización do patrimonio cultural, co que se busca, en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, contar este mesmo ano cun catálogo de bens con valor cultural existentes ao longo dos máis de 2.500 quilómetros de costa que ten Galicia.
O evento
A xornada O noso litoral: claves para a súa xestión integral e o seu desenvolvemento sostible contou coa participación ao longo da mañá de distintos catedráticos de Dereito Administrativo, tanto galegos como de Cataluña e Andalucía, así como dun maxistrado ponente da sentenza do Tribunal Constitucional que avalou que a Lei de Ordenación e Xestión Integrada do Litoral (Loxilga) era Constitucional. Durante as súas intervencións en distintas conferencias e mesas redondas expuxeron a súa visión e experiencia sobre como debe ser unha xestión descentralizada da costa.
De feito, unha desas mesas abordou a importancia do desenvolvemento sostible do litoral na que participaron representantes dos distintos sectores económicos vencellados coa costa como son o Clúster de Turismo de Galicia, organizacións do complexo mar-industria como Anfaco-Cytma, Conxemar, Agade ou o Centro Tecnolóxico do Clúster de Acuicultura de Galicia así como a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
A conselleira agradeceu a presenza de todos os participantes neste encontro por contribuír a afondar no coñecemento sobre a xestión do litoral, máis cando algúns deles tiveron un papel clave no deseño dunha Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia que se converteu nun modelo a seguir para outras comunidades autónomas.