HomeXunta de GaliciaA Xunta autoriza a licitación da redacción do proxecto do novo Centro...

A Xunta autoriza a licitación da redacción do proxecto do novo Centro de Saúde de Mos, que se integrará no Complexo Sociosanitario do Rebullón cunha área específica de pediatría

- Anuncio -spot_img

―     A Consellería de Sanidade destinará  372.000 euros á redacción do proxecto básico e de execución do novo centro de saúde

―     O investimento do Goberno galego na execución do novo equipamento sanitario estímase en máis de 4,7 M€

―     A Consellería de Sanidade ampliará nun 65 % a superficie con respecto ao actual centro de saúde de Mos, ata superar os 2.700 metros cadrados

―     O centro incorporará unha sala de lactancia, fisioterapia e unha sala de educación sanitaria para poder realizar programas de rehabilitación de solo pelviano

O Consello da Xunta deulle hoxe visto e prace á próxima licitación, por importe de 372.741,34 euros, da redacción do proxecto básico, de execución e dirección de obra do novo centro de saúde de Mos, que se integrará no complexo sociosanitario do Rebullón e incorporará unha área pediátrica específica.

O investimento do Goberno galego na execución deste novo equipamento sanitario estímase en máis de 4,7 millóns de euros.

O novo centro de saúde permitirá habilitar espazos propios para o servizo de pediatría, con dúas consultas de medicina, dúas consultas de enfermaría pediátrica e, como novidade, unha sala de lactancia e unha sala polivalente para posibles necesidades de uso exclusivo por pacientes respiratorios.

Na área médica, contarase con 11 consultas de medicina de familia (dúas máis que o actual), 11 de enfermaría (dúas máis), unha consulta de matronas, unha de farmacia, un novo despacho de traballo social, dúas salas polivalentes (unha máis, na que se realizarán ecografías, retinografías, electrocardiogramas ou espirometrías) e seis consultas de formación a residentes (dúas máis, co que se poderá aumentar a actividade docente con tres residentes MIR de medicina e tres EIR de enfermaría).

No novo centro de saúde tamén se prevé unha nova sala de cirurxía menor, unha nova consulta de nutricionista, ademais dun ximnasio de fisioterapia ao incorporarse un profesional desta categoría.

Tamén se amplía a carteira de servizos na área da muller, xa que o plan do Servizo Galego de Saúde dispón dunha sala de educación sanitaria que servirá para realizar programas de rehabilitación de solo pelviano.

Na área de urxencias, que contará cunha sala de observación e unha de reanimación, habilitarase tamén unha nova sala de traballo de enfermaría e dous vestiarios.

O novo centro de saúde que construirá a Xunta no concello de Mos disporá de dúas plantas cunha superficie útil total de 2.740 m2, o que supón un incremento do 65 % en comparación co actual.

O prazo de execución da redacción do proxecto básico é de mes e medio desde a formalización do contrato. Unha vez aprobado o proxecto básico, disporase de dous meses para a redacción do proxecto básico e de execución.

Unha vez que se dispoña do proxecto aprobado, procederase á licitación das obras, nas que o Servizo Galego de Saúde prevé investir 4.726.500 euros, co obxectivo de que se poidan iniciar no primeiro trimestre de 2027.

Investimento na atención primaria

As contas da Xunta para 2026 incrementan nun 4,75 % o investimento en atención primaria, ata acadar os 1.747 millóns de euros, o que representa o maior investimento da historia neste nivel asistencial.

Tamén se produce un incremento no capítulo de persoal de primaria, que medra un 3,4 %, ata os 657 millóns. A dotación en 2026 para a construción e reforma das infraestruturas sanitarias de atención primaria ascende a preto de 60 millóns de euros.

Publicacións Relacionadas