A Xunta e a Deputación de Pontevedra analizan liñas de colaboración en materia de emprendemento relacionado cos ámbitos agroforestal e agroalimentario co fin de potenciar a colaboración institucional e os proxectos emprendedores relacionados con estes eidos e que abarcan, entre outras actividades, a agricultura ecolóxica, a vitivinícola e os cultivos emerxentes. Foi no marco dunha reunión entre a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño; o deputado provincial de Acción comunitaria, equipamentos públicos, Fondos Europeos e Estación Fitopatolóxica Areeiro, Javier Tourís e a xefa do servizo da Estación Fitopatolóxica Areeiro, Pilar Vela.
A finalidade desta xuntanza foi analizar as posibilidades de apoiar estes proxectos identificando as necesidades reais das persoas emprendedoras en liña coa Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia, que nace da designación da comunidade como Rexión Emprendedora Europea 2025 e que está actualmente en período de consultas con todo o sector. Esta folla de ruta está orientada a fixar actividade económica no rural e favorecer a remuda, abranguendo todo o ciclo emprendedor. Neste campo ten un papel fundamental a Rede de polos de emprendemento, que leva atendidos máis de 5.600 proxectos en toda Galicia e dos que máis de 1.600 foron asesorados nos polos da provincia de Pontevedra (Silleda, O Porriño e Vilanova de Arousa). Ao abeiro da estratexia, esta ferramenta canalizará e impulsará novas iniciativas, avanzando na especialización comarcal segundo os recursos de cada contorna.



