— A Dirección xeral de Patrimonio Cultural informou hoxe sobre a necesidade de paralizar as obras durante un período inicial de 15 días para realizar o estudo
— Cómpre lembrar que cheminea da central termoeléctrica conta coa máxima protección patrimonial ao iniciarse, en marzo do pasado ano, os trámites para a súa declaración como Ben de Interese Cultural
A Xunta de Galicia estudará o valor cultural industrial do Parque de Carbóns, unha infraestrutura de almacenamento vencellada á central termoeléctrica das Pontes de García Rodríguez que conta cunha superficie de arredor de 96.000 m₂. Así se recolle na notificación enviada hoxe pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ao concello das Pontes de García Rodríguez e á empresa propietaria e que dá resposta ás peticións e ao alto interese trasladado ao Goberno galego tanto pola veciñanza como por parte da administración local.
Tal e como informou a Dirección xeral de Patrimonio Cultural, para levar a cabo este informe técnico é preciso que as obras de desmantelamento sexan paralizadas polo tempo estritamente necesario que permita realizar un estudo pormenorizado para determinar se concorren ou non circunstancias acreditativas dun significativo valor cultural industrial no citado ben. Inicialmente, prevese que o tempo inicial sexa de 15 días que poderán ampliarse ata o máximo de dous meses previsto na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.
Isto permitirá que os técnicos poidan avaliar a importancia desta infraestrutura e determinar se reúne a singularidade e o carácter cultural sobranceiro para contar coa máxima protección como ben representativo do patrimonio industrial de Galicia.
Cómpre lembrar que este réxime xa se aplica á cheminea da central despois de que, en marzo do pasado ano, se volvesen iniciar os trámites para a súa declaración como Ben de Interese Cultural cun contorno de protección dunha distancia de 45 metros do perímetro da súa base, necesaria para as tarefas de conservación e mantemento. Neste caso concreto, a incoación ten en conta que a cheminea “deixou de ser simplemente un elemento industrial para converterse nun símbolo da identidade local, ao representar unha era de crecemento, desenvolvemento e transformación, tanto a nivel local como social”.



