HomeA CoruñaA Xunta avanza na apertura das novas oficinas de emprego de Monforte...

A Xunta avanza na apertura das novas oficinas de emprego de Monforte de Lemos, Sarria, Ourense A Ponte e Ferrol Centro e nas melloras da de Santiago Centro

- Anuncio -spot_img
  • O Consello da Xunta analizou hoxe senllos informes sobre as próximas licitacións, por unha banda, do acondicionamento da oficina de Monforte que tamén albergará o Polo de emprendemento, e por outra, da redacción dos proxectos do resto de instalacións
  • Todas as obras agás as de Ferrol e Santiago suporán cambio de localización desde inmobles alugados a novos locais propiedade da Xunta, redundando no aforro para a Administración autonómica e na mellora da atención á cidadanía desas contornas
  • Grazas ás actuacións, enmarcadas na modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia, reforzaranse servizos como a xestión de ofertas de traballo, a formación para o emprego ou a orientación laboral, así como o apoio ao emprendemento
  • Máis aló das melloras en infraestruturas, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración avanza na dixitalización do SPEG a través de EMi, ferramenta de IA que xa permitiu o perfilado competencial de máis de 76.400 demandantes de emprego

O Consello da Xunta analizou hoxe senllos informes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración sobre as próximas licitacións, por unha banda, da obra de acondicionamento da nova oficina de emprego de Monforte de Lemos —que tamén albergará o Polo de emprendemento da localidade—, e por outra, da redacción dos proxectos das oficinas de Sarria, Ourense A Ponte, Santiago centro e Ferrol centro, neste último caso, que acollerá ademais o Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC). Todas as obras agás a ferrolá e a compostelá suporán cambio de localización desde inmobles alugados a novos emprazamentos propiedade da Xunta de Galicia, redundando no aforro para a Administración autonómica e na mellora da atención á cidadanía desas contornas tanto a prol da empregabilidade como do emprendemento que contribúe a dinamizar o territorio.

No caso da rehabilitación do local de Monforte, o orzamento base de licitación supera o millón de euros. Canto ao presuposto para a redacción dos proxectos básicos e de execución para o acondicionamento do resto de oficinas, é superior aos 320.000 euros.

Oficina de emprego e Polo de emprendemento de Monforte de Lemos

Os traballos que se licitarán en breve para Monforte suporán adaptar o inmoble da rúa Doutor Casares nº 132, con 570,80 m2 de superficie útil, ás novas necesidades operativas da oficina de emprego e do Polo, de xeito que se lle dará continuidade —por un lado— ao labor da actual oficina, que presta servizos de inscrición de demandantes de traballo, xestión de ofertas laborais e de formación para o emprego, orientación laboral e rexistro de contratos, compartindo espazo co Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), que xestiona as prestacións por desemprego.  

Tamén se potenciará o labor do Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Monforte, con senllas zonas de traballo compartido e de fabricación dixital a disposición das persoas emprendedoras. Un Polo que leva atendido —desde a súa posta en marcha a finais de 2022— uns 300 proxectos empresariais, no marco dos máis de mil asesorados na provincia de Lugo. Por sectores, predomina a hostalaría (22 %), seguida do comercio (17 %) e dos servizos (16 %). Ás persoas emprendedoras que se achegaron ao Polo monfortino (53 % mulleres e 47 % homes) prestáronselles case 900 titorías, a maioría de xeito presencial.

Redacción dos proxectos de Sarria, Ourense A Ponte, Ferrol centro e Santiago centro

Sobre a redacción dos proxectos, en Sarria refírese ao local da rúa Formigueiros nº 73 – baixo, con 375 m2 construídos, mentres en Ourense A Ponte o traslado da oficina de emprego será á rúa Río Corzos nº 2, con dous andares e unha superficie útil de 1.414 m2.

No caso de Ferrol centro, actualmente situada no edificio administrativo da Xunta en Ferrol, o novo inmoble que acollerá a oficina de emprego e o SMAC sitúase no Edificio Pita Romero (Galerías Ferrol), entre a rúa Galiano e a rúa Real, cunha superficie construída de 1.402 m2 distribuídos en tres andares. Por último, a oficina de Santiago centro da rúa Ramón Piñeiro nº 7 – 9 manterá localización, cunha superficie útil de 480 m2 na planta baixa e de 219 m2 no semisoto que incorporarán melloras como unha nova distribución e cambios na iluminación, climatización, ventilación, electricidade e telecomunicacións.

Potenciación do SPEG e do emprego de calidade

As obras forman parte do proceso de modernización do SPEG que está a impulsar a Xunta, con máis de 8 M€ este ano para accións como o reforzo do servizo de orientación laboral e prospección empresarial ou a potenciación de EMi, a ferramenta de intelixencia artificial dispoñible nas 54 oficinas de emprego galegas e galardoada pola Comisión Europea. Unha ferramenta que desde setembro de 2024 permitiu o perfilado competencial de máis de 76.400 persoas ás que se lles detectaron as competencias que deben traballar para axustarse ás demandas das empresas, superando o obxectivo marcado de 70.000 nun ano.   

Todas estas melloras perseguen favorecer a empregabilidade, tanto por conta allea como por conta propia, neste último caso, en colaboración coa Rede de polos de emprendemento que ten 15 centros e que leva atendido máis de 4.800 proxectos en toda Galicia. Por sectores, predominan os servizos (17 %), seguidos do comercio (16 %) e da hostalaría (15 %). Ás persoas emprendedoras que se achegaron a estas oficinas (58 % mulleres e 42 % homes) prestáronselles máis de 14.100 titorías.

Publicacións Relacionadas