— O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración cos beneficiarios da orde para fomentar este selo de excelencia, con case 700.000 € para 28 municipios dos que só dous están provistos xa co distintivo
— O obxectivo é promover, por un lado, actuacións dirixidas ao mantemento e mellora dos Mercados Excelentes existentes e, por outro, accións de mentorización, de formación ou obras de construción para que outros poidan acadar este selo
— Na convocatoria que se vén de resolver, resultaron beneficiarias tamén 19 asociacións e federacións de prazas de abastos -dun importe próximo aos 200.000 euros- para a dinamización comercial e mantemento das súas webs de venda electrónica
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución da convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que busca impulsar os Mercados Excelentes en Galicia e que se saldou con case unha trintena de concellos con interese en integrar as súas prazas de abastos e mercados nesta rede sinónimo de diferenciación e calidade.
En concreto, 28 municipios -tan só dous deles xa co distintivo de excelencia concedido- recibiron preto de 700.000 euros para levar a cabo tanto accións necesarias de cara á obtención do selo de Mercado Excelente como melloras nos mercados, co gallo de afondar na revitalización destes espazos comerciais como vertebradores do territorio e xeradores de riqueza e emprego.
A maiores, concedéronse preto de 200.000 euros en achegas a un total de 19 asociacións e federacións de mercados e prazas de abastos para accións de dinamización e de mantementos das súas webs de venda electrónica.
Detalles da convocatoria
No marco das axudas a concellos, resultaron beneficiarios 15 consistorios da provincia de Pontevedra, 7 da Coruña, 3 en Lugo e 3 en Ourense. En concreto, os municipios que xa teñen Mercados Excelentes podían recibir apoio para accións enfocadas ao mantemento e mellora deste estándar de calidade, ademais de, como novidade, desenvolver campañas de dinamización comercial cun investimento máximo de 10.000 euros e para o deseño da imaxe corporativa do mercado. Neste capítulo, resultaron beneficiarios un total de 9 concellos, dous deles xa provistos co distintivo de excelencia.
Mentres, os municipios con prazas de abastos que non son Mercado Excelente poden sufragar accións de mentorización e formación dos praceiros e praceiras, de consultoría especializada, de diagnose da situación e usos do mercado ou a elaboración da documentación necesaria para levar a cabo as actuacións destinadas a acadar o selo, ademais doutras accións de mellora. Neste caso, rexistráronse 19 concellos beneficiarios.
Nesta mesma dirección, nas axudas a municipios hai dúas liñas máis de achegas, destinadas á adquisición de equipamento e eficiencia enerxética, e que beneficiaron 5 concellos xa concesionarios dalgunha outra axuda.
Canto ás asociacións de prazas de abastos e mercados, financiaránselles actuacións de dinamización e revitalización no marco de proxectos de incentivación da demanda e do consumo ou mantemento das webs de comercio electrónico, na mesma liña que no relativo ás federacións. Das 19 entidades beneficiadas neste apartado, 15 corresponden á provincia de Pontevedra, 2 á Coruña, 1 a Lugo e 1 máis en Ourense.
A estes apoios engádense os correspondentes a este ano da convocatoria que se publicou ao efecto en 2023, o que elevaría ata uns 1,4 millóns de euros o investimento total neste exercicio para consolidar a rede de Mercados Excelentes. O compromiso continuará nos orzamentos de 2025, tanto no marco desta convocatoria específica como co financiamento de actuacións en mercados concretos (Ourense -1 millón de euros- e Ponteareas -800.000 euros-).
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20241111/AnuncioG0767-311024-0001_gl.html