A Xunta avanza na conversión do CGTD nun Centro Integrado de Alto Rendemento e Tecnificación co convenio de investigación coa Universidade de Vigo

adminON
Lectura mínima de 3

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes e o reitor da Universidade de Vigo asinaron un acordo para o desenvolvemento de actuacións que redunden en beneficio do deporte en Galicia e da comunidade universitaria galega durante os vindeiros catro anos

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asinou hoxe o convenio entre a Xunta e a Universidade de Vigo, representada polo seu reitor, Manuel Reigosa, para o desenvolvemento de actuacións que redunden en beneficio do deporte en Galicia e da comunidade universitaria galega durante os vindeiros catro anos. O acto contou tamén coa presenza do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.

Segundo sinalou Diego Calvo, este acordo suporá unha estreita colaboración entre os departamentos científicos e de investigación da Universidade e o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) que axudará tanto aos adestradores como aos deportistas a conseguir os seus obxectivos de rendemento, o que é un dos requisitos do Consello Superior de Deportes para a clasificación do CGTD como Centro Especializado de Alto Rendemento.

A sinatura deste convenio permitirá, entre outras actividades, o intercambio de espazos entre o Campus de Pontevedra e o CGTD; a colaboración en ciencia e investigación para axudar aos deportistas deste centro a conseguir os seus obxectivos; e a planificación, seguimento e control do seu adestramento físico, biomecánico e psicolóxico. Colaborarase tamén na elaboración e intercambio de publicacións e traballos de investigación no deporte; na organización de actividades académicas e deportivas; e nas prácticas curriculares ou preprofesionais para deportistas do CGTD.

A Xunta e a Universidade de Vigo xa asinaron en 2019 un convenio cos mesmos obxectivos e duración. A iniciativa sumábase así á creación da Cátedra SXD Galicia Activa coa Universidade da Coruña en 2018 para fomentar o intercambio de experiencias nos campos da docencia, a investigación e a cultura en xeral. Deste xeito, o Goberno galego colabora coas dúas Universidades que en Galicia contan co Grao de Ciencias da Actividade Física e do Deporte a prol do desenvolvemento científico e investigador.

Alto nivel

Tal e como salientou o conselleiro, a sinatura do convenio coincide coa publicación no Diario Oficial de Galicia da última resolución do deporte galego de alto nivel que volve rachar o seu teito, chegando aos 1.456 deportistas recoñecidos. Nesta liña, Diego Calvo gabou o excelente momento polo que transcorre o deporte galego de alto nivel. Cómpre lembrar tamén os 163 deportistas bolseiros no CGTD, os once Núcleos de Adestramento Deportivo Especializado, ou o novo récord de axudas aos deportistas galegos de alto nivel, que en 2024 chegará aos 736.500 euros.

Comparte este artigo