A Xunta avanza na implantación da Lei de Efeciencia do Servizo de Xustiza nos Xulgados das sete cidades galegas

adminON
Lectura mínima de 7
  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as resolucións polas que se aproba a relación de postos de traballo da Secretaría de Goberno e das oficinas de xustiza, así como das oficinas xerais do Rexistro Civil, no marco da fase III da implantación da Lei de eficiencia xudicial
  • Nesta fase, os actuais xulgados das unidades xudiciais das cidades transformaranse en tribunais de instancia
  • Galicia garante o cumprimento dos prazos previstos na normativa estatal, que non vén acompañada do orzamento preciso para afrontar os custos derivados dela

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle hoxe as distintas resolucións polas que se aproban as relacións de postos de traballo (RPT) da Secretaría de Goberno e das oficinas de xustiza e das oficinas xerais do Rexistro Civil correspondentes á fase III, isto é, ás sete grandes cidades. Unha vez publicadas estas resolucións, publicaranse as convocatorias para cubrir os postos de libre designación e específicos e posteriormente a  reorganización dos funcionarios nos postos de traballo, xa que pola dimensión dos xulgados nas urbes a súa posta en funcionamento é máis complexa.

A Xunta avanza así na implantación de Lei estatal de eficiencia do servizo público de xustiza, sendo a primeira comunidade autónoma na publicación desta fase. Desde o 1 de xullo xa se rematou a posta en marcha da fase I da normativa en 38 partidos xudiciais dos 45 existentes en Galicia e esta fase III terá que estar rematada o 31 de decembro nos sete partidos restantes das sete grandes cidades.

A actividade das oficinas xudiciais vén definida pola aplicación das leis procesuais e realizarase a través dos servizos común, que comprenderán os servizos común de tramitación e, segundo o caso, outros servizos común que se determinen, onde se integran os postos de traballo vinculados funcionalmente por razón das súas encomendas. O deseño da oficina será flexible e a súa dimensión e organización determinaranse en función da actividade que se desenvolva nela.

O persoal funcionario de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial dependen da Xunta así como persoal dos corpos de medina forense, mentres que no caso da relación de postos de traballo dos letrados de Administración de Xustiza nos órganos xudiciais das cidades será competente o Ministerio de Xustiza.

Cómpre engadir que nestes partidos xudiciais da terceira fase haberá un tribunal de instancia cunha sección civil e outra de instrución, e tamén todos eles contarán con seccións do penal, social, e contencioso-administrativo, e algúns deles coas seccións de de familia, infancia e capacidade, do mercantil, de violencia sobre a muller, de violencia contra a infancia e adolescencia, de menores e de vixilancia penitenciaria. Así, os actuais xulgados galegos transformaranse en sección dos tribunais de instancia nas sete cidades galegas e constituiranse o 31 de decembro deste ano xunto coa creación da Secretaría de Goberno como centro de destino propio.

Do mesmo xeito, tamén se publica a relación de postos de traballo das oficinas xerais do Rexistro Civil, tendo en conta que a súa dotación se toma dos órganos ou oficinas xudiciais  que teñen actualmente función de rexistro civil. Polo tanto a aprobación das RPT e a entrada vigor ten que coincidir no tempo entre as oficinas xerais do Rexistro Civil e as oficinas xudiciais.

Por outra parte, no marco da posta en marcha da fase III da normativa estatal, o DOG tamén publicará esta semana a convocatoria para a provisión polo sistema de libre designación, de tres postos de traballo do corpo de xestión procesual e administrativa e outros oito do de tramitación procesual e administrativa da Administración de Xustiza que terán como destino a Secretaría de Goberno.

As persoas interesadas deberán presentar as súas solicitudes a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) no prazo de cinco días hábiles desde a publicación desta convocatoria no Boletín Oficial do Estado. Na solicitude deberanse incluír os datos persoais, o posto de traballo actual e ao que se aspira, o currículo, a documentación acreditativa de méritos e unha memoria cunha análise das tarefas do posto solicitado. A toma de posesión non se producirá ata o 31 de decembro, data de entrada en funcionamento da oficina xudicial nos partidos xudiciais do centro de destino.

A primeira fase de implantación da normativa afectou tanto ás oficinas de xustiza como aos xulgados de paz, denominados desde o 1 de xullo oficinas de xustiza do municipio. Na comunidade galega, agás nas cidades, cada municipio onde non teña a súa sede un tribunal de instancia conta desde esa data cunha oficina de xustiza, que presta servizos na localidade onde se atope situada. En Galicia suman 268 oficinas, que están configurados como porta de acceso á Administración de Xustiza, ademais de manter os servizos que tiñan, ampliaron o catálogo de xestións nos concellos con menos poboación e a súa actividade ao resto das administracións públicas.

A Xunta lembra o impacto económico da reforma estatal que o Goberno galego tivo que asumir sen apenas transferencias do Estado. A Administración autonómica estima un custo de 3,3 millóns de euros para a dixitalización das oficinas, dos que a Galicia se transferiron máis de 1,1 millóns de fondos. Ademais, no que se refire á reorganización física dos tribunais e o resto de custos, moitos deles continuos no tempo, estímase por enriba dos cinco millóns de euros e só con orzamentos autonómicos sen dotación económica por parte do Ministerio de Xustiza. 

Comparte este artigo