- José González puxo en valor que desafíos como a duración e flexibilidade da xornada, a cobertura de vacantes, a loita contra o absentismo inxustificado ou a prevención de riscos laborais esixen “de cooperación, escoita e acordos”
- Tamén salientou o firme compromiso da Xunta co Diálogo Social como evidencia o futuro decreto que impulsa o Executivo galego para converter este espazo nunha ferramenta estable e estruturada de negociación colectiva
- O conselleiro defendeu o papel fundamental das organizacións sindicais que representan os intereses dos traballadores “con compromiso e corresponsabilidade” como actores chave na construción dunha sociedade máis xusta e inclusiva
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta mañá no acto de inauguración do XIII Congreso Nacional de Comisións Obreiras (CCOO) de Galicia. Na súa intervención, apelou á necesidade de seguir reforzando o diálogo social como ferramenta esencial para abordar os retos presentes e futuros do mercado laboral, apostando pola procura de consensos lexitimados, sempre desde a lealdade institucional e coa mirada posta no ben común.
José González puxo en valor que desafíos como a duración e flexibilidade da xornada laboral, a cobertura de vacantes, a loita contra o absentismo inxustificado ou a prevención de riscos laborais esixen “de cooperación, escoita e acordos” que permitan seguir consolidando os bos datos do mercado de traballo en Galicia, actualmente co paro en mínimos históricos, e promovendo un emprego de calidade.
Ademais, salientou o papel fundamental das organizacións sindicais que representan os intereses dos traballadores e traballadoras “con compromiso e corresponsabilidade” como actores chave na construción dunha sociedade máis xusta e inclusiva. Así mesmo, aproveitou para recoñecer o traballo á fronte de CCOO Galicia desenvolvido pola súa secretaria xeral, Amelia Pérez, e ofreceu colaboración e “man tendida” á dirección que saia do Congreso.
Cara a institucionalización do diálogo social
O conselleiro lembrou que a Xunta está a dar pasos decisivos para institucionalizar o Diálogo Social, converténdoo nun instrumento estable e estruturado. Así, destacou a recente presentación á patronal e sindicatos do borrador do decreto que regulará a composición, funcionamento e organización das mesas de diálogo social en Galicia. Lamentou a ausencia da CIG neste proceso, “nun espazo de encontro que debe ser plural e representativo da realidade laboral galega”, e reafirmou o compromiso do Goberno galego con este modelo de participación.
Neste marco, González destacou a importancia das mesas de traballo xa en funcionamento, co obxectivo de que sexan un reflexo da realidade laboral e de que respondan ás necesidades e aspiracións das persoas traballadoras. Así, dentro da nova organización de mesas e dándolle pulo a este espazo de colaboración primordial, está en marcha a mesa emprego, con grupos de traballo específicas de políticas activas de emprego, prevención de riscos laborais ou a nova de absentismo laboral, entre outros— e a mesa de economía e Industria, distribuida en Industria e enerxía, naval e automoción.