HomeA CoruñaA Xunta avanza na mellora da rede de saneamento de Cabanas para...

A Xunta avanza na mellora da rede de saneamento de Cabanas para dar servizo a unha poboación de máis de 7.000 habitantes cun investimento de 3,43 M€

- Anuncio -spot_img
  • Ángeles Vázquez explica que a previsión é que última actuación estea rematada no verán do vindeiro ano para garantir un mellor servizo á veciñanza da localidade, cuxa poboación chega a triplicarse nesta época do ano
  • As actuacións previstas en Cabanas, xunto coas xa executadas en Pontedeume, por un importe de preto de 3,7 M€, solucionarán as deficiencias detectadas na rede de saneamento da ría, como infiltracións de auga salgada ou puntos de vertedura

A Xunta de Galicia avanza na mellora da rede de saneamento de Cabanas, e de toda a ría de Pontedeume, cun investimento de 3,43 millóns de euros co obxectivo de dar servizo a unha poboación estimada de máis de 7.000 habitantes co ano 2036 como horizonte.

Segundo explicou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a visita que realizou ás obras do tanque de retención e impulsión, a previsión é que esta última actuación estea rematada no verán do vindeiro ano para garantir un mellor servizo de saneamento á veciñanza da localidade, cuxa poboación chega a triplicarse nesta época do ano.

En concreto, esta actuación, que conta cun orzamento de 2,27 millóns de euros, ademais do devandito tanque de retención cunha capacidade de 1.200 m3, inclúe a construción de novos colectores de saneamento, que terán unha lonxitude aproximada de 132 metros, así como novos tramos de tubaxes e impulsións de 362 metros.

Tal e como dixo Ángeles Vázquez, que estivo acompañada da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e do director de Augas de Galicia, Roi Fernández, esta obra vén complementar a que está a piques de rematar. Trátase da execución dun novo colector interceptor cunha lonxitude total de 1.084,50 metros e de dous secundarios -de 69,49 e 24,19 metros- que conectarán co principal.

Serán un total de 1.178 metros de novos colectores, que tras un investimento de preto de 1,13 millóns de euros, solucionarán as constantes infiltracións que sofre o actual colector debido á marea -discorre ao longo do paseo da praia- e os frecuentes alivios detectados, sobre todo, na época de choivas.

Con estas dúas actuacións, xunto coas levadas a cabo con anterioridade no concello de Pontedeume por un importe de preto de 3,7 millóns de euros, solucionaranse as deficiencias detectadas na rede de saneamento da ría, como infiltracións de auga salgada ou puntos de vertedura.

Para concluír, Ángeles Vázquez indicou que esta actuación é un exemplo máis da colaboración tanto técnica como económica que mantén desde hai anos Augas de Galicia cos concellos —que son os competentes en materia de abastecemento, saneamento e depuración— para contribuír a profesionalizar a xestión da auga, garantir o bo estado ecolóxico dos ríos e das rías de Galicia e a mellorar a calidade duns servizos que son básicos para a cidadanía.

De feito, ese compromiso cos Gobernos locais reflíctese tamén nos orzamentos deste ano, cun esforzo adicional para mellorar a xestión do ciclo integral da auga e un orzamento global de Augas de Galicia de 144 millóns de euros. Este investimento permitirá seguir optimizando o saneamento e o abastecemento municipais mediante a mellora das infraestruturas, da formación e da divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático no eido dos recursos hidráulicos.

Publicacións Relacionadas