HomeXunta de GaliciaA Xunta avanza na posta en marcha dunha nova sede do Imelga...

A Xunta avanza na posta en marcha dunha nova sede do Imelga en Santiago que contará cunhas instalacións onde prima a seguridade coas salas de autopsias de bioseguridade BSL3

- Anuncio -spot_img

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe a parcela cedida polo Concello de Santiago que acollerá o novo edificio. A previsión é que o proxecto estea redactado este ano e as obras comecen en 2022


Contará con 2.500 metros cadrados para albergar unhas instalacións modernas e máis seguras e con 2 salas de autopsias de bioseguridade BSL3

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe a parcela cedida polo Concello de Santiago de Compostela para acoller o novo edificio do Imelga, que contará cun investimento de 3 M euros, nuns 2.500 metros cadrados, e que contará cunhas instalacións onde prima a seguridade coas salas de autopsias de bioseguridade BSL3. Á visita tamén acudiu o director de Xustiza de Galicia, Juan José Martín e directora do Imelga, Beatriz Otero.

Segundo indicou Alfonso Rueda, a previsión é que este ano se leve a cabo a redacción do proxecto para as obras dean comezo no 2022. A Xunta ten reservados nos orzamentos deste ano 320.000 euros destinados á redacción do proxecto. “Iniciamos os contactos o pasado novembro e, en tempo récord, menos de tres meses, xa temos unha ubicación e podemos seguir adiante con este proceso áxil coa redacción do proxecto e así poder iniciar a construción do edificio canto antes”, indicou o vicepresidente primeiro.

A Xunta destinará 830.000 euros á instalación de 2 salas con nivel de bioseguridade BSL3 para garantir a protección do persoal do Imelga na realización de autopsias de vítimas de enfermidades de transmisión respiratoria. Nesta liña, o vicepresidente primeiro da Xunta sinalou que con estas salas os profesionais poderán traballar nas mellores condicións e ter garantida a súa protección ante a exposición de axentes transmisibles por aerosois que poden causar enfermidades de transmisión respiratoria como a covid-19, xa que as salas estarán dotadas de todo o equipamento e mobiliario específico e incluirán características técnicas especiais relacionadas coa ventilación e a descontaminación como presión negativa ou filtros de aire de alta eficacia (HEPA).

Alfonso Rueda destacou a importancia da colaboración entre administracións en beneficio da cidadanía, como neste caso co concello compostelán co obxectivo de dotar de máis edificios xudiciais e reforzar os servizos da Administración de Xustiza e segundo indicou “temos aquí un exemplo de colaboración entre administracións e coa cesión desta parcela por parte do Concello de Santiago continuamos xuntos dotando de edificios xudiciais á cidade e, por tanto, mellorando os servizos da Administración da Xustiza”.

Alfonso Rueda incidiu en que a Xunta dá así resposta a unha “reivindicación histórica” do Imelga e destacou que o organismo adquiriu “entidade suficiente” para contar cunha sede propia debido “ao seu recoñecido prestixio” e “a súa importancia no funcionamento da Administración de Xustiza a través de tódalas peritaxes que levan a cabo”.

A nova sede, que albergará a dirección do Imelga e a subdirección territorial de Santiago de Compostela, contará con oficinas, consultas, espazo para arquivos e para o acceso dos furgóns mortuorios ou cámaras frigoríficas mortuorias, entre outras dependencias.

O Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) dispón na actualidade de sete subdireccións nas sete cidades galegas e concentra a pericia pública oficial médico-legal, de psicoloxía e de traballo social forense. Entre o seu persoal, conta con médicos forenses, psicólogos, traballadores sociais, funcionarios administrativos e auxiliares de autopsia.

Publicacións Relacionadas