— Representantes do Goberno galego intervirán mañá para compartir o éxito do traballo realizado na Comunidade desde 2017 e que permitiu sumar 285 concellos ao maior movemento mundial para buscar sinerxías locais ante o cambio climático
— Baixo o lema Novos retos para a cohesión de Europa, a vixésima edición deste evento reúne presencial e virtualmente a máis de 10.000 persoas para falar sobre transición ecolóxica e dixital e abordar as políticas de cohesión territorial ante a crise climática
A Xunta de Galicia traballa na elaboración da futura Lei do clima autonómica co obxectivo de contar coa implicación dos concellos galegos como peza clave de cara ao cumprimento dos obxectivos de neutralidade climática o antes posible e como prazo límite, no ano 2050.
Esta é unha das mensaxes que trasladará a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a través no marco da Semana europea das rexións e cidades, na que participa convidada pola Comisión Europea en recoñecemento ao seu papel como coordinadora do Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía desde 2017 e que se celebra este ano en formato híbrido, alternando sesións presenciais en Bruxelas con intervencións virtuais.
Concretamente, representantes da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático participarán mañá telematicamente no evento Rexións que abordan o desenvolvemento urbano sostible integrado a través de proxectos de política de cohesión, onde exporán a súa experiencia dos últimos cinco anos para impulsar a implantación do Pacto na Comunidade.
Neste sentido, o traballo realizado en Galicia permitiu pasar dos 22 concellos que había adheridos antes de que a Xunta asumira o papel de coordinadora ás 285 entidades locais galegas que, a día de hoxe, forman parte desta iniciativa, considerada o maior movemento a nivel mundial para buscar sinerxías locais ante o cambio climático.
Ao longo destes anos, o Goberno galego creou e afianzou unha estrutura de gobernanza que involucra ao ámbito rexional e local no cumprimento dos obxectivos comúns en materia de cambio climático.
Para facilitar esta tarefa creou a Oficina técnica do Pacto en Galicia, que se puxo en marcha a finais de 2018, e co obxectivo de facilitar aos concellos adheridos o cumprimento dos compromisos fixados, publicou dúas ordes de axudas para apoialos no financiamento da redacción dos seus propios plans de acción para o clima e a enerxía (Paces), un instrumento que xa presentaron 247 concellos galegos (o 92,5% do total).
Tendo en conta os avances acadados ata o de agora, a futura Lei do clima de Galicia, na que traballa a Xunta e que xa se someteu ao trámite de consulta pública previa, terá moi presente a implicación das entidades locais no cumprimento do obxectivo de neutralidade climática. Para logralo, contará cunha serie de instrumentos de planificación, entre os que se inclúen os plans específicos para concellos.
Á súa vez, o Goberno galego seguirá a promover a adhesión de todos os concellos da Comunidade ao Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía, actuando como oficina de coordinación autonómica e prestando o seu apoio técnico e económico para contribuír á elaboración dos mencionados plans.
Encontro europeo para falar de cohesión territorial
Baixo o lema Novos retos para a cohesión de Europa, esta vixésima edición da Semana europea das rexións e cidades congregará entre o 10 e o 13 de outubro a máis de 10.000 persoas para debater sobre transición ecolóxica e dixital e abordar as políticas de cohesión territorial en resposta á crise climática, apostando nesta ocasión por un formato híbrido —combinando os talleres presenciais con xornadas de traballo en liña—.
En concreto, prestarase especial atención ao papel que desempeña a política de cohesión na recuperación sostible de Europa, como o instrumento máis eficaz de solidariedade en resposta á emerxencia e ás consecuencias das crises. A tal fin, organizaranse ao longo da semana obradoiros, testemuñas e exposicións de alto nivel.



