- O director de Turismo de Galicia reuniuse con representantes de establecementos turísticos así como axencias interesadas en formar parte desta iniciativa
- Recordou que se trata dun produto que conecta balnearios e recursos termais coas rutas xacobeas e que se estuda comercializar en EEUU a partir do vindeiro ano
O director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, presidiu esta mañá no Hotel Louxo da Illa da Toxa unha reunión de traballo co sector termal galego para avanzar no desenvolvemento do proxecto Galicia Spa Pilgrimage, unha iniciativa impulsada por Turismo de Galicia que une o termalismo coas rutas xacobeas como novo produto estratéxico para impulsar a desestacionalización e fortalecer o posicionamento internacional de Galicia.
No encontro participaron representantes dos principais balnearios, talasos e hoteis termais de Galicia, así como operadores turísticos interesados en formar parte desta iniciativa que integra saúde, natureza e espiritualidade.
O director de Turismo de Galicia destacou que Galicia é “unha das rexións termais máis ricas de Europa e conta cun produto único e recoñecido internacionalmente como o Camiño de Santiago; a unión de ambos mundos representa unha oportunidade estratéxica para diversificar o noso turismo, atraer novos visitantes e xerar actividade económica durante todo o ano”.
O proxecto ‘Galicia Spa Pilgrimage’, impulsado por Turismo de Galicia no marco do Plan de Turismo Termal de Galicia, busca conectar os recursos termais galegos coas rutas xacobeas mediante produtos que combinen etapas do Camiño, experiencias de benestar e estadías en establecementos. A iniciativa pretende ampliar a estadía media dos visitantes, captar novos perfís internacionais e consolidar o turismo de saúde e benestar como un dos segmentos prioritarios da estratexia turística da comunidade.
Mercado americano
O proxecto terá o seu debut internacional o próximo mes de novembro en Nova York, no marco da presentación de Galicia ante operadores turísticos organizada por Turespaña, na que se exporán as potencialidades do termalismo galego vinculado ao Camiño de Santiago como produto de benestar e espiritualidade.
A viaxe incluirá unha reunión coa compañía Tauck Travel, un dos principais operadores estadounidenses especializados en itinerarios polo Camiño, co obxectivo de consolidar a súa presenza nos programas de viaxes norteamericanos.
Esta acción de promoción exterior permitirá aproveitar a conexión directa entre Santiago de Compostela e Nova York, operada por United Airlines, como canle de acceso ao público estadounidense, que se consolida como o segundo mercado internacional máis relevante para o Camiño tras o portugués.
O director de Turismo de Galicia subliñou o compromiso da Xunta con este tipo de iniciativas, que “reforzan a imaxe de Galicia como destino sostible, saudable e competitivo, apostando por un modelo que combina tradición, innovación e calidade”.



