HomeXunta de GaliciaA Xunta avanza no seo do diálogo social na elaboración da pioneira...

A Xunta avanza no seo do diálogo social na elaboración da pioneira Estratexia Galega de Emprego Feminino en sectores masculinizados

- Anuncio -spot_img

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, reuniuse co grupo de traballo de Igualdade Laboral para tratar a redacción deste texto e para abordar a orde que desenvolverá o decreto que regula a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, acompañado pola directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, vén de reunirse co grupo de traballo de Igualdade Laboral do Diálogo Social co gallo de seguir avanzando na elaboración da Estratexia galega de emprego feminino en sectores masculinizados. Así, o encontro tivo como obxectivo recoller as achegas dos representantes da patronal e das organizacións sindicais a esta folla de ruta pioneira.  

Con esta ferramenta, o Goberno galego busca promover a incorporación, permanencia e promoción profesional das mulleres en ámbitos laborais onde a súa presenza segue a ser minoritaria. Así, a Estratexia incluirá medidas orientadas a acadar unha maior igualdade de oportunidades no acceso e desenvolvemento profesional das mulleres nos sectores con menor representatividade feminina.

O encontro tamén serviu para abordar a orde que desenvolverá o decreto que regula a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade e o Rexistro de empresas e entidades do terceiro sector —estas últimas, organizacións privadas sen ánimo de lucro— recoñecidas con este distintivo. Avanzando no desenvolvemento regulamentario dun distintivo que está recollido na Lei 7/2023 para a igualdade efectiva de mulleres e homes en Galicia, este certificado recoñecerá aquelas empresas ou entidades que destaquen na aplicación das políticas de igualdade para a equiparación laboral entre mulleres e homes.

Con estas accións, a Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso coa igualdade efectiva entre mulleres e homes no ámbito laboral, que seguirá afianzando no 2026 con medidas como a reedición de apoios para sectores masculinizados ou outras liñas a prol da contratación de mulleres.

Publicacións Relacionadas