HomeXunta de GaliciaA Xunta avanza nos contactos cos concellos da Ría de Pontevedra co...

A Xunta avanza nos contactos cos concellos da Ría de Pontevedra co fin de crear unha mancomunidade de abastacemento de auga que optimice a xestión na zona

- Anuncio -spot_img
  • Responsables de Augas de Galicia e dos concellos de Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Bueu, Vilaboa e Ponte Caldelas analizan como mellorar o aproveitamento dos recursos hidráulicos para afrontar con garantías posibles situacións de seca
  • O fin último desta iniciativa é dotar a comarca dunha estrutura de gobernanza conxunta que regule e unifique as concesións vixentes para as captacións de auga no río Lérez e no encoro do Pontillón de Castro
  • O Executivo galego traslada posibles actuacións a realizar para reducir os custos de prestación do servizo, como a recuperación dunha canalización existente paralela á costa que evitaría o elevado custo dos bombeos aos concellos de Marín e Bueu

A Xunta, a través do organismo hidráulico Augas de Galicia, está a intensificar os contactos cos concellos implicados no sistema de abastecemento da ría de Pontevedra -Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Bueu, Vilaboa e Ponte Caldelas- co fin de avanzar na constitución dunha mancomunidade de municipios que permita realizar unha xestión máis eficiente, sostible e equitativa do abastecemento de auga potable e afrontar con maiores garantías posibles situacións de seca na contorna.

Representantes de Augas de Galicia e dos sete concellos mantiveron hoxe un encontro no que o Executivo galego expuxo a súa iniciativa para dotar á comarca dunha estrutura de gobernanza conxunta, que regule e unifique as concesións actualmente vixentes para as captacións de auga no río Lérez e no encoro do Pontillón de Castro.

O novo modelo permitiría transitar desde o actual sistema centralizado no concello de Pontevedra cara a unha xestión supramunicipal baseada na codirección e coxestión por parte de todos os concellos implicados.

Os responsables do organismo hidráulico autonómico informaron aos Concellos de cal é a situación actual do sistema e das solucións que se propoñen para unha xestión compartida máis eficaz. Entre os datos expostos, destaca que a demanda conxunta da ría acada os 10,8 hectómetros cúbicos anuais, abastecidos fundamentalmente desde as captacións do Lérez e do Pontillón de Castro, dúas fontes imprescindibles para garantir o servizo especialmente nos meses de estiaxe.

En paralelo, a Xunta tamén trasladou a necesidade de avanzar en solucións de xestión eficientes como a alternativa de recuperar a chamada arteria litoral -unha canalización existente paralela á costa que está inoperativa-, pois evitaría ter que bombear o 100% do caudal destinado aos concellos de Marín e Bueu, con altos custos enerxéticos. A súa reparación, que requiriría dun investimento de entre 7 e 10 millóns de euros, permitiría aforros superiores aos 250.000 euros anuais e reforzaría a eficiencia global do sistema.

Custo anual

De feito, segundo o estudo económico achegado, o custo de explotación anual do sistema mancomunado situaríase en arredor dos 2,5 millóns de euros, cifra que podería reducirse coa restablecemento desta arteria litoral.

De concretarse a constitución da mancomunidade de abastecemento da ría de Pontevedra daríase un avance decisivo cara a un modelo de xestión moderno, eficaz e resiliente que garanta a subministración de auga potable mesmo en contextos de escaseza, con seguridade xurídica e criterios de solidariedade territorial.

A Xunta considera que a constitución dunha mancomunidade como entidade de gobernanza conxunta, para a realización de investimentos en almacenamento e garantías de regulación, así como para avanzar nunha xestión única son claves para o futuro da auga nos concellos da contorna da ría de Pontevedra.

Publicacións Relacionadas