Home A Coruña A Xunta avanza que convocará un novo concurso de solo residencial en...

A Xunta avanza que convocará un novo concurso de solo residencial en 2024 para promover a construción de vivenda protexida en Vigo, Pontevedra, Lugo e Ferrol

- Anuncio -

— Ángeles Vázquez salienta que por primeira vez o Goberno galego porá á disposición dos promotores interesados parcelas edificables no polígono 1 de San Paio de Navia


— Pon en valor a flexibilización dos requisitos para converter baixos comerciais e entrecháns en desuso en vivendas para incrementar a oferta residencial nas cidades

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta ten previsto convocar un novo concurso de solo público residencial o próximo ano para animar a promover a construción de máis vivendas protexidas nas cidades de Vigo, Pontevedra, Lugo e Ferrol.

Durante a súa intervención nun almorzo informativo organizado pola Asociación de Promotores Inmobiliarios de Pontevedra (Aproin), a vicepresidenta segunda explicou que o Executivo galego porá á disposición de promotores privados e cooperativas un total de 110 parcelas de uso residencial da súa propiedade con capacidade para albergar unhas 1.195 vivendas protexidas.

Por municipios, o concurso de 2024 incluirá 8 parcelas no Bertón, en Ferrol; 2 máis en Garabolos, Lugo; outras 2 no barrio pontevedrés de Valdecorvos; e 98 localizadas no polígono 1 de San Paio de Navia, que, tal e como salientou Ángeles Vázquez, serán as primeiras que a Xunta porá á venda nos terreos da ampliación deste barrio residencial vigués, no que están proxectadas arredor de 1.600 novas vivendas protexidas.

Máis alá do solo residencial propiedade do Goberno galego que se comercializará o vindeiro ano, a vicepresidenta lembrou as xestións que realiza o seu departamento para impulsar novas promocións noutras cidades. É o caso da Coruña, onde, segundo dixo, o IGVS e o Concello manteñen contactos co fin de cambiar a un uso residencial dúas parcelas localizadas no barrio de Xuxán (antigo Parque Ofimático).

Ademais, tamén puxo hoxe en valor a flexibilización dos requisitos para converter baixos comerciais e entrecháns en desuso en vivendas como unha medida efectiva para incrementar a oferta residencial nas cidades.

Tras lembrar que o 15 de outubro entrou en vigor a modificación das normas de habitabilidade de Galicia aprobada pola Xunta para facilitar a reconversión deste tipo de locais, Ángeles Vázquez subliñou que supón “dar unha resposta axeitada ás necesidades e ás novas demandas que traslada a sociedade” nesta materia.

Ao respecto, incidiu en que este marco normativo “moderno”, ademais de aumentar a oferta de vivendas dispoñibles para as familias galegas, tamén evita a sensación de degradación que pode xerar ter moitos baixos sen uso.

Nesa liña, os cambios garanten a calidade de vida dos residentes mantendo as condicións necesarias de intimidade, luz, ventilación e superficie útil, que, en todo caso, seguirá sendo dun mínimo de 40 m2.

E, a maiores, segundo explicou a vicepresidenta segunda, a modificación da normativa permite axilizar a tramitación xa que os concellos terán a potestade para delimitar espazos concretos nos que se eximan ou maticen os requisitos para levar a cabo esta conversión sen necesidade de reformar os seus planeamentos urbanísticos. “Damos a posibilidade aos concellos para flexibilizar e adaptar os cambios ás necesidades e á realidade dos seus barrios”, engadiu Ángeles Vázquez.

Relacionadas

A Xunta activa a alerta laranxa por chuvias no oeste da Coruña

0
― Cómpre lembrar que se mantén desde esta tarde o nivel de aviso laranxa por temporal costeiro no litoral da Coruña e en Pontevedra ―...

A Xunta comproba o avance das obras da nova residencia e centro de día...

0
O Goberno galego achegou máis de 130.000 euros ao soterramento da liña eléctrica que estaba instalada na parcela na que se constrúe o centro O...

Baiona mantén a súa Cabalgata o domingo pola tarde

0
O domingo 5 de xaneiro está previsto que as súas Maxestades os Reis Magos de Oriente visiten Baiona subidos nas súas maxestosas carrozas e...

A Deputación bota o peche do xogo de escapismo do Castelo de Soutomaior coas...

0
O xogo, para o que están á venda as entradas dos oito pases que se realizarán o sábado 11 e o domingo 12 de...

A Deputación acada en 2024 o maior dato en dez anos de visitas ás...

0
Increméntase o número de visitantes individuais, grupos e participantes en actividades, aínda que o dato global baixa debido ao peche das ruínas de San...

O Porriño prepárase para recibir ás súas Maxestades os Reis Magos de Oriente no...

0
● 120 personas acompañarán a Melchor, Gaspar e Baltasar a partir das 17:30 h no pavillón municipal ● Os Reis Magos chegarán no Tren do...

Publicacións Relacionadas