HomeXunta de GaliciaA Xunta avanzará neste 2026 no redeseño integral da formación para o...

A Xunta avanzará neste 2026 no redeseño integral da formación para o emprego tanto para as persoas sen traballo como para as acupadas

- Anuncio -spot_img
  • O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, abordou a redifinición da proposta formativa impulsada pola Xunta con representantes da Confederación Española de Empresas de Formación (Cecap)
  • Dentro deste proceso, a Xunta investirá máis de 54 M€ en tres convocatorias que apostan pola flexibilización, pola axilidade, pola conexión co tecido produtivo e pola demanda efectiva dos beneficiarios da formación para aumentar a empregabilidade
  • En concreto, lanzaranse novas accións formativas para desempregados AFD (40 M€), o novo plan Galicia Suma Talento: Formación Ocupados (10,6 M€) e a nova edición da orde de formacións para persoas traballadoras a demanda das empresas (4 M€)

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e o secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, veñen de manter un encontro con representantes da Confederación Española de Empresas de Formación (Cecap), cos que trataron o proceso de redeseño integral da formación para persoas desempregadas ou ocupadas que está a desenvolver a Xunta de Galicia. En concreto, asistiron o presidente da Cecap, Pedro Rey, o secretario xeral, Alejandro Langtry, e a vicepresidenta segunda, Becky Hermida.

No encontro, abordáronse —entre outras cuestións— as novidades das tres convocatorias recentemente anunciadas polo Goberno galego cun investimento global de 54 M€ que apostan pola flexibilización, pola axilidade, pola conexión co tecido produtivo e pola demanda efectiva das persoas beneficiarias da formación para potenciar a súa empregabilidade e atender as necesidades de talento das empresas. En concreto, dentro desta aposta lanzaranse novas accións formativas para persoas desempregadas AFD (40 M€), o novo plan Galicia Suma Talento: Formación Ocupados (10,6 M€) e a nova edición da orde de formacións para persoas traballadoras a demanda das empresas (4 M€).

O Goberno galego está a apostar por revolucionar por completo as políticas activas de emprego baixo un mesmo modelo de formación modulable, escalable e a demanda do tecido produtivo, apostando por perfilar e levar as accións á realidade das empresas. Unha visión que xa xirou por completo as AFD, cuxa nova orde chegará en 2026 avalada polo éxito dunha convocatoria que xa ten máis dun 91 % de accións iniciadas. Este é o modelo que se vai introducindo en todas as liñas formativas, como en Galicia Suma Talento: Plan de Formación Empresas ou coordinando a propia formación cos apoios á contratación.

Baixo este mesmo marco, as novas liñas inclúen novidades para, entre outros aspectos, facilitar o acceso ou reincorporación das persoas traballadoras e das empresas que acrediten unha necesidade formativa, dirixida ao seu propio persoal ou a demandantes de emprego. Así, nas AFD e en Galicia Suma Talento: Formación Ocupados, flexibilizarase o acceso á formación ás persoas que estean en proceso de homologación de estudos estranxeiros —na liña do plan de captación de talento— ou pendentes da expedición dun certificado profesional —permitindo que continúen a súa formación dun xeito máis áxil—. A isto engádese que, en ambas iniciativas e por primeira vez nestes apoios, permitirase presentar varias solicitudes ata acadar o máximo de accións. Ademais, igual que nas AFD, nos apoios para persoas ocupadas cada acción debe responder a unha demanda real, cun compromiso acreditado polas entidades formativas e centros de formación homologados dun mínimo do 30 % do alumnado. Outras facilidades, tanto en AFD como ocupados, é que poderán concederse anticipos de ata o 60 % da axuda aprobada.

Detalles das novas liñas de accións formativas

En concreto, o plan Galicia Suma Talento: Formación Ocupados prevé beneficiar máis de 20.000 persoas ocupadas con accións de todas as familias profesionais do catálogo do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), incluídas as de eidos estratéxicos como a automoción ou as enerxías renovables. Nese senso, ampliará o prazo de presentación de solicitudes, permitindo presentalas durante case todo o ano co fin de desestacionalizar a oferta e adaptala ás necesidades do tecido produtivo. A maiores, a nova orde de accións formativas para persoas ocupadas a demanda do tecido produtivo —para o financiamento de accións do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C e competencias clave— buscará a adquisición áxil de novos coñecementos e competencias certificables. 

Canto á nova convocatoria de AFD, o crédito inicial de 40 M€ poderá ampliarse segundo as necesidades. Con ela potenciarase o redeseño realizado na última convocatoria a prol da súa eficacia, xa que, entre outros avances, flexibilizará os requisitos para participar nas accións formativas. Nesta liña, as persoas que rematen unha formación poderán acceder a outra de nivel superior sen ter que esperar á expedición do certificado profesional da acción formativa anterior. Ademais, continuará impulsando a posibilidade de impartir microformacións e formación dual obrigatoria nas formacións de longa duración, cun mínimo do 25% en contornas reais de traballo. Tamén seguirá dando pulo ao papel das oficinas de emprego para identificar as necesidades formativas por sectores e territorios.

Publicacións Relacionadas