- Ángeles Vázquez lembra que as persoas interesadas en facerse cargo dun animal abandonado poden solicitar axudas de ata 150 euros no caso dos cans e de 125 euros no dos gatos para cubrir os primeiros gastos veterinarios e de identificación
- Subliña o papel de referencia de Gatocan, que no ano 2008 se converteu no primeiro centro de acollida autorizado en Galicia xestionado por unha asociación e que só o ano pasado conseguiu que 158 animais de compañía atoparan un novo fogar
- A semana pasada convocáronse tamén dúas ordes por importe de 1,33 M€ dirixidas ás administracións locais que acollan animais ou xestionen colonias felinas e ás asociacións para a protección dos animais de compañía debidamente rexistradas
A Xunta avoga pola sensibilización para seguir fomentando a adopción responsable de animais domésticos abandonados en Galicia ao tempo que pon en valor o labor que realizan tanto os concellos como as entidades protectoras a cargo dalgún dos centros que prestan este servizo na Comunidade co fin de garantir o seu coidado e benestar mentres están ao seu cargo.
Durante unha visita ás instalacións en Coirós de Gatocan —que en 2008 se converteu no primeiro centro autorizado en Galicia xestionado por unha asociación—, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, insistiu hoxe na responsabilidade que supón facerse cargo dun animal, especialmente nunha época do ano na que, dixo, cómpre lembrar máis que nunca que non son “xoguetes” nin un regalo que se poida facer á lixeira.
En todo caso, e para apoiar a aquelas persoas que tomen a decisión responsable de facerse cargo dun animal doméstico, a conselleira lembrou que o seu departamento ofrece, por terceiro ano consecutivo, axudas para cubrir os primeiros custos tras a adopción, como poden ser os de identificación ou os gastos veterinarios de esterilización, desparasitación e vacinas. Estes incentivos, que xa se poden solicitar desde a semana pasada, teñen un límite de 150 euros no caso dos cans e de 125 euros no dos gatos.
Así mesmo, a responsable autonómica puxo en valor o papel de referencia que ocupa en Galicia a asociación protectora Gatocan, unha entidade que empezou a traballar hai case dúas décadas e que sempre aplicou uns criterios de adopción rigorosos á hora de buscar un fogar axeitado para os centos de animais de compañía que pasaron polas súas instalacións nos últimos anos. De feito, só en 2024 logrou dar en adopción con éxito a 158 cans e gatos, unha cifra importante tendo en conta que nestes momentos as instalacións de Coirós atenden un total de 252 animais, aínda que esta cifra é bastante variable debido ás constantes altas e baixas.
Tras eloxiar o traballo de todas as asociacións que, ao igual que Gatocan, velan en Galicia polo coidado, manutención e benestar dos animais abandonados, a conselleira lembrou que a semana pasada o seu departamento convocou dúas ordes de axudas dirixidas a apoiar no seu labor aos concellos que acollan animais ou xestionen colonias felinas nos seus territorios e tamén ás entidades legalmente constituídas e inscritas no Rexistro galego de asociacións para a protección e defensa dos animais de compañía.
Entre os gastos subvencionables en ambos casos inclúense os relacionados coa esterilización cirúrxica, a identificación mediante microchip, o pasaporte sanitario e a inscrición dos exemplares ao seu cargo no Rexistro galego de identificación de animais de compañía (Regiac), así como tamén os custos derivados da súa alimentación, vacinación preventiva e desparasitación, entre outras medidas profilácticas.
Ademais, no caso das protectoras e a maiores dos xa mencionados, tamén se poderán solicitar axudas para comprar material e medios co fin de garantir a xestión e o manexo dos animais ao seu cargo así como para realizar campañas de concienciación, promoción da tenza responsable e fomento das adopcións, aínda que non xestionen nin sexan titulares dunha instalación dedicada a este fin.
O orzamento destinado en 2026 a ambas liñas de axudas ascende a un total de 1,33 millóns de euros e as entidades locais e asociacións interesadas terán ata o 11 de setembro do ano que vén para poder acollerse a elas.
Por último, cómpre lembrar que a estas diferentes liñas de axudas se engaden outros proxectos do Goberno autonómico neste eido, como a previsión de construír o primeiro centro de acollida de animais de compañía abandonados de titularidade autonómica en Curtis, cun investimento previsto de 2 millóns de euros, ou a subscrición de convenios para dotar de parques caninos ás sete cidades galegas, un compromiso que no caso de Ferrol xa se concretou, co inicio das obras o pasado mes de novembro.



