- Ángeles Vázquez salienta que as Illas Atlánticas son un “laboratorio vivo” de gran valor para científicos, investigadores e profesionais de diversos eidos e fai fincapé na importancia da divulgación xa que “para protexer, primeiro hai que coñecer”
- Destaca o LIFE Insular, un programa transnacional entre España e Irlanda que ten como fin mellorar a conservación de ecosistemas insulares do Océano Atlántico, reforzando a súa resiliencia fronte ao cambio climático e a presión humana
- Entre os proxectos máis recentes subliña tamén unha iniciativa de recuperación de hábitats costeiros e mariños que inclúe un proxecto piloto para restaurar os bosques de kelp, unha alga en retroceso en toda Europa pero esencial para a vida no mar
A Xunta avoga por seguir fomentando a investigación e o coñecemento teórico-científico relacionado coa biodiversidade e os principais valores do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (PNMTIAG) como unha vía efectiva e enriquecedora para avanzar na súa preservación.
Así o destacou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a clausura das IX Xornadas de estudo e investigación que organiza o seu departamento cada ano desde 2016 para dar a coñecer entre profesionais e público en xeral algúns dos traballos máis relevantes relacionados co patrimonio natural, histórico e cultural deste espazo protexido.
Tras cifrar en “máis de 150 os estudos” promovidos na última década co fin de contribuír a conservar os valores principais das Illas Atlánticas así como para facer un seguimento dos mesmos, a responsable autonómica incidiu en que o Parque Nacional é hoxe en día un “laboratorio vivo” de gran valor para científicos, investigadores e profesionais de diversos eidos como a bioloxía, a botánica ou as ciencias do mar, entre outros.
Acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, a conselleira incidiu en que “para protexer, primeiro hai que coñecer”. Neste sentido, subliñou a relevancia dunhas xornadas que congregaron desde onte no Centro de visitantes das Illas Atlánticas (edificio Cambón) a máis de 80 persoas interesadas en saber máis sobre este espazo natural único en Galicia e abordar desde un punto de vista técnico e científico as características que o fan merecedor do seu actual nivel de protección medioambiental.
Tras apelar á colaboración entre institucións públicas e privadas, investigadores, técnicos e sociedade civil en xeral para seguir mantendo o actual grao de interese e atención arredor das Illas Atlánticas, Ángeles Vázquez fixo fincapé nalgún dos proxectos que lidera actualmente a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático como responsable da xestión do Parque Nacional.
Con relación ao LIFE Insular, un proxecto transnacional con Irlanda que lidera a Xunta desde o ano 2022, lembrou que con el se busca mellorar a conservación dos ecosistemas insulares atlánticos reforzando a súa resiliencia fronte ao cambio climático e diferentes tipos de presión humana.
No caso galego, as illas participantes son Cíes, Ons e Sálvora, nas que se están a levar a cabo accións de eliminación de exóticas invasoras e de recuperación de especies autóctonas e aínda que a finalización do proxecto está prevista para 2026, a conselleira indicou que “en vista dos bos resultados” se está valorando pedir unha ampliación para darlle continuidade máis aló desa data.
Entre as iniciativas de investigación máis recentes, explicou tamén que a Xunta está implicada noutro proxecto para a recuperación dos hábitats costeiros e mariños no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado con fondos europeos. Cun orzamento plurianual de 4,45 millóns de euros, esta iniciativa porá o foco en diferentes puntos do litoral galego, entre eles, as Illas Atlánticas e foi a escollida para pechar as xornadas celebradas no Cambón.
En concreto, o proxecto inclúe como actuación máis destacada a implantación dun proxecto piloto en seis zonas de especial conservación (ZEC) da costa galega para a restauración dos bosques de kelp, unha especie de alga parda que se atopa en retroceso en toda Europa e resulta esencial para a vida mariña xa que funcionan como pulmóns submariños, absorbendo CO₂ e proporcionando refuxio e alimento a numerosas especies.
A iniciativa xa está en marcha co desenvolvemento das primeiras fases en laboratorio: en particular, coa inoculación de sementes en grava para posteriormente poder depositalas nas zonas da costa elixidas. Esta segunda fase de plantación sobre o terreo comezará previsiblemente antes do verán no litoral do complexo húmido de Corrubedo e no de Ons-O Grove.