- José González salientou que o Goberno galego reforzará o diálogo social cun futuro decreto que establecerá a súa composición e funcionamento
- Contrapuxo este traballo co que está a facer o Goberno central ao tomar decisións á marxe do diálogo social e sen ter en conta a realidade das pemes, creando inseguridade e afectando á competitividade
- En relación co desafío do absentismo laboral inxustificado, salientou o estudo encargado ás universidades de Santiago e Vigo no marco da mesa de diálogo social e no que se seguirá afondando para propoñer medidas que reduzan o seu impacto
- En canto á cobertura de vacantes e á remuda xeracional, referiuse ás accións que desenvolve o Goberno galego para potenciar e reter o capital humano interno e de xeito paralelo tamén ás destinadas a atraer talento do exterior
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe no almorzo-coloquio da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) que contou cun relatorio da presidenta da Confederación Española de Pequena e Mediana Empresa (Cepyme), Ángela de Miguel Sanz. Alí o conselleiro puxo de relevo o papel do diálogo social para dar resposta a retos globais que enfrontan as empresas, entre elas as pemes, como o absentismo laboral inxustificado, a cobertura de vacantes laborais ou a remuda xeracional, entre outros. Nesta liña, salientou que o Goberno galego reforzará o diálogo social cun futuro decreto que establecerá a súa composición e funcionamento.
Contrapuxo este traballo co que está a facer o Goberno central ao tomar decisións á marxe do diálogo social e sen ter en conta a realidade das pemes, creando inseguridade e afectando á competitividade. Neste eido, referiuse ao incremento do salario mínimo interprofesional ou a redución da xornada laboral.
Como exemplo da aposta de Galicia polo diálogo social mencionou a mesa específica posta en marcha para analizar o absentismo laboral inxustificado e propoñer medidas que reduzan o seu impacto blindando os dereitos dos traballadores. Neste marco, púxose a disposición dos axentes sociais un informe das universidades de Santiago e Vigo —cuns primeiros resultados nos que se afondará proximamente— e con datos de punto de partida que reflicten que Galicia, cunha taxa de absentismo superior ao 8% e por riba da media estatal, soporta uns custos anuais de 850 M€ para a Seguridade Social e 782 M€ para as empresas.
Ante estes retos, o conselleiro subliñou a importancia de entidades como a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e a Cepyme, que forman parte do diálogo social. Ademais, felicitou a Ángela de Miguel polo seu recente nomeamento como presidenta desta entidade clave no desenvolvemento económico do país e trasladoulle o apoio da Xunta como administración facilitadora para potenciar o labor e a competitividade do tecido empresarial.
Cobertura de vacantes e remuda xeracional
En relación cos retos da cobertura de vacantes e a remuda xeracional, José González referiuse ás accións que desenvolve o Goberno galego para potenciar e reter o capital humano interno, entre elas a aposta pioneira de Galicia a prol dunha formación flexible e á carta do tecido empresarial. O obxectivo, explicou, é contar con profesionais especializados nas competencias e habilidades que demandan as empresas para que poidan cubrir as vacantes e potenciar a súa produtividade e competitividade.
Tamén deu conta das medidas da Xunta para atraer talento da mocidade, con ferramentas como a futura Estratexia Mocidade Activa, e do exterior. Este último ámbito co foco posto nos galegos da emigración e tamén con accións destinadas a persoas traballadoras de terceiros países. Neste eido é esencial que Galicia asuma as competencias executivas en materia de autorizacións iniciais de traballo para persoas estranxeiras, cuestión que acordou solicitar onte o Consello da Xunta tras o informe favorable do Consello Consultivo de Galicia. O obxectivo é axilizar os procesos e potenciar a estratexia de captación de talento que promove o Goberno galego.