HomeA CoruñaA Xunta axudará con máis de 50.000 euros ao Concello de Boqueixón...

A Xunta axudará con máis de 50.000 euros ao Concello de Boqueixón a adaptar un espazo público municipal aos efectos con solucións naturais

- Anuncio -spot_img
  • O proxecto, financiado nun 80% pola Consellería, mitigará o efecto illa de calor da actual área de estacionamento coa substitución do pavimento asfáltico por outro permeable e cunha franxa lateral verde con árbores autóctonas que dean sombra
  • Ángeles Vázquez salienta o éxito da primeira convocatoria desta liña de apoios, que se resolveu con achegas concedidas a 35 concellos e esgotou os 2 M€ dispoñibles
  • Na provincia da Coruña 11 entidades locais executarán 13 proxectos e obras co obxectivo de impulsar os espazos verdes, incrementar a biodiversidade urbana e fomentar a conectividade natural entre as zonas urbanas e periurbanas

A Xunta de Galicia concederá unha axuda de algo máis de 50.000 euros ao Concello de Boqueixón para adaptar o aparcamento público de Lestedo aos impactos do cambio climático —como o chamado efecto illa de calor— a través dun proxecto que aposta pola aplicación de solucións técnicas e naturais nos espazos urbanos e periurbanos municipais.

Así o explicou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a súa visita ao municipio coruñés para coñecer sobre o terreo o espazo no que se vai intervir e os detalles da actuación prevista.

Cun investimento total de 63.000 euros —o 80% cuberto pola achega da Xunta—, o proxecto contribuirá a mitigar as altas temperaturas desta área de estacionamento, moi utilizada tanto por veciños como por visitantes e que nestes momentos está totalmente exposta ao sol pola falta de cubertas vexetais, e que conta cun pavimento feito de material asfáltico e pétreo que absorben e reteñen a calor.

En concreto, a responsable autonómica explicou que a intervención proxectada no caso de Boqueixón prevé a substitución do actual firme do aparcamento por un pavimento de tipo céspede armado, que aumentará a permeabilidade do solo e, polo tanto, suavizará o efecto illa de calor na zona.

Ademais, crearase unha franxa lateral verde rodeando a área reservada aos vehículos coa plantación de céspede e exemplares de árbores autóctonas que contribúan á formación de sombra natural para axudar á regulación da temperatura ambiente e tamén de arbustos para delimitar a zona de aparcamento da estrada N-525.

Tras felicitar ao alcalde de Boqueixón por aproveitar estas axudas pioneiras para facer dun dos espazos urbanos do concello máis utilizados pola veciñanza un lugar “máis sostible e funcional”, Ángeles Vázquez destacou a grande acollida entre o municipalismo da primeira convocatoria desta liña de apoios, dirixida a impulsar solucións naturais en clave local para previr riscos asociados ao quecemento global en espazos urbanos.

De feito, salientou que unha vez analizadas as preto de 100 solicitudes recibidas e resolta xa a convocatoria deste ano, concedéronse axudas a 35 concellos para a execución de 42 proxectos, esgotando os 2 millóns de euros do orzamento dispoñible.

Todas estas iniciativas, nas que o Executivo galego aporta ata o 80% do importe subvencionable e como máximo 60.000 euros por iniciativa —cun límite de tres proxectos por solicitante—, mobilizarán un investimento total de máis de 2,5 millóns, contando tanto as achegas autonómicas como as aportacións dos concellos.

Máis concretamente, no caso da provincia da Coruña, son un total de 11 as entidades locais beneficiarias, entre elas, Boqueixón, que executarán 13 proxectos e obras subvencionadas con arredor de 630.000 euros co obxectivo de intervir en espazos públicos para atenuar o efecto illa de calor, incrementar os espazos verdes e a biodiversidade urbana existentes e fomentar a conectividade natural entre as zonas urbanas e periurbanas aproveitando treitos fluviais e sendas.

Entre un 40% e un 70% das emisións GEI

Cómpre lembrar que o obxectivo desta liña de axudas pioneira é avanzar no obxectivo de dotar ás zonas urbanas de espazos e pulmóns verdes como parques, xardíns, fontes ou áreas recreativas tendo en conta que se estima que nas áreas máis poboadas se xeran entre un 40% e un 70% de todos os gases de efecto invernadoiro (GEI).

A existencia destas contornas naturais, de feito, repercute na redución das emisións á atmosfera e na mellora da calidade de vida da cidadanía polos beneficios que reportan para a saúde e pola sociabilidade, ao ser tamén espazos de encontro e lecer colectivo.

Publicacións Relacionadas