- A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, destacou que o número de avisos no teléfono 012 sobre a presenza desta especie reducíronse en case un 30% nos dous últimos anos en comparación co período 2020-2023 previo á posta en marcha do trampeo selectivo, controlado e xeolocalizado
- Ademais do plan de choque, o plan centralizado a través de Seaga permitiu a retirada de máis de 14.400 niños entre xaneiro e setembro deste ano, dos que nove de cada dez se eliminaron ou neutralizaron durante a época estival
A Xunta abordou hoxe os resultados da implantación das medidas do plan de choque contra a vespa velutina neste ano que, por exemplo, permitiu duplicar a captura de raíñas ata superar as 230.000, fronte ás 113.000 capturadas no ano anterior, o que supón unha porcentaxe de incremento de capturas de máis do 103% en comparación co ano pasado. Estes datos foron posibles grazas ás 18.500 trampas colocadas entre marzo e xuño deste ano na totalidade dos concellos galegos.
O plan púxose en marcha o ano pasado como proxecto piloto co obxectivo de levar a cabo un trampeo selectivo, controlado e xeolocalizado e contribuíu a reducir o número de avisos respecto aos rexistrados antes da posta en marcha destas medidas. Así, os 21.607 avisos recibidos no servizo de Atención e Información á Cidadanía 012 de media no período 2024-2025 entre xaneiro e setembro supoñen unha diminución de 8.700 en relación coa media de 30.372 rexistrados nos mesmos meses entre 2020 e 2023, antes de que se activase o plan de choque. Isto supón unha redución de case o 30%. Nos meses de verán
-de xuño a setembro-, coincidindo coa época na que máis aumenta a presenza desta especie, tamén se apreciou unha diminución do 30%, ao pasar de 25.787 avisos na media de 2020-2023 a 18.245 nos dous últimos anos.
Na reunión de hoxe participaron a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz Mouteira, xunto con Luisa Piñeiro, directora-xerente da empresa pública Seaga, entidade encargada da encomenda da retirada de niños, o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, así como representantes da central de chamadas do 012 e da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
Natalia Prieto destacou que coa captura das raíñas evítase a proliferación de niños primarios e a aparición de futuros niños secundarios, ao mesmo tempo que se reducen os danos desta especie na apicultura e nos cultivos froiteiros. Grazas ás trampas instaladas -engadiu- pódese coñecer a distribución e evolución da especie a través do estudo por parte de expertos técnicos e especializados.
Xunto co trampeo, o plan do choque completase con actividades de formación e divulgación. Así, este ano impartíronse charlas informativas en todo o territorio galego dirixidas á poboación para instruíla sobre o ciclo biolóxico da especie e as medidas implantadas. Tamén se impartiu formación ao persoal de campo encargado de instalar, revisar e retirar as trampas, incluíndo o manexo da aplicación específica creada e relacionada co trampeo que se atopa, á súa vez, na aplicación Controlvelutina, que os efectivos de Seaga empregan para xestionar os avisos.
Por outra parte, ademais do plan do choque, cabe destacar que a Xunta conta desde 2020 co plan centralizado de retirada de niños de vespa velutina ao que están adheridos os 313 concellos galegos. Neste plan, Seaga é a encargada da xestión, eliminación física ou neutralización dos niños que sexan alertados pola cidadanía mediante unha chamada ao teléfono 012.
Cómpre aclarar que, dos 25.103 avisos recibidos desde o 1 de xaneiro ao 22 de setembro deste ano, 2.697 corresponden con casos asignados ao 112 Galicia para a súa retirada inmediata por tratarse de casos de urxencia ou risco especial por estar en lugares moi concorridos, dentro de vivendas habitadas ou con proximidade a persoas alérxicas.
Entre os 22.406 avisos restantes, 14.425 correspóndense con niños retirados, o 93% deles durante a época estival. Ademais dos niños eliminados e neutralizados, hai outros casos que requiren a mobilización do operativo de Seaga pero que se deben a outras casuísticas: niños inactivos que xa non teñen actividade de avespa asiática, outros nos que non procede actuación porque están situados en zonas onde non se poden visualizar de maneira directa, niños que pertencen a outras especies distintas da avespa velutina ou casos duplicados que xa foron retirados previamente á visita por parte do persoal de campo.
A directora xeral de Administración Local expuxo que, pese a que as condicións climatolóxicas esta primavera e este verán foron favorables para as raíñas polas elevadas temperaturas, as medidas do plan de choque contribuíron á súa contención. Por iso, de cara ao futuro, a Xunta continuará traballando nestas medidas co obxectivo de optimizar os resultados, tanto no relativo á retirada e eliminación de niños, sobre todo actuando nos niños primarios que primeiro aparecen, como no que se refire ao trampeo de raíñas, ademais de avanzar na formación e investigación científica.

