- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participa na inauguración da peza
- Lembra que o centro oferta para o vindeiro curso catro titulacións de alta especialización e destaca a calidade da formación impartida
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participou hoxe na inauguración da escultura de Santa Lucía na praza do Buelo, en Moraña. A peza foi elaborada por un alumno do Centro Integrado de FP Cantería de Galicia, Alberto Torres, e cedida a este concello pontevedrés. O titular do departamento educativo da Xunta destacou ”a calidade da formación impartida neste centro, que dá como resultado pezas da fermosura desta escultura”.
Neste sentido salientou que son xa varios os concellos es espazos galegos que exhiben pezas realizadas no CIFP Cantería de Galicia, como a Virxe do Carme do porto pesqueiro do Berbés (Vigo), o escudo de España da Base General Morillo da Brigada de Infantería Aerotransportable (BRILAT, en Vilaboa), ou a escultura Os Percebes, e instalada no paseo de Tizón (Baiona).
Na escultura de Moraña, Santa Lucía aparece representada cos seus atributos iconográficos máis característicos. Nunha man, a palma do martirio; na outra, a bandexa na man na que figuran os seus ollos arrincados durante o seu padecemento. A escultura foi realizada en granito, mide 1,32 metros de alto e ten un peso de arredor de 400kg.
Román Rodríguez lembrou que o CIFP Cantería oferta para o vindeiro curso 2025/26 catro titulacións de alta especialización, en concreto os ciclos en Pedra Natural, FP Básica en Reforma e Mantemento de Edificios e FP Dual Intensiva nas especialidades de Construción, Proxectos de Edificación e o novo Ciclo Medio de Escavacións e Sondaxes Dual Intensivo.