A Xunta cede ao Porto de Vigo unha escultura da Virxe do Carme realizada polo CIFP Cantería de Galicia

adminON
Lectura mínima de 2

Román Rodríguez participa xunto co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo na bendición desta peza no porto pesqueiro do Berbés

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participou hoxe no porto pesqueiro do Berbés na bendición da escultura da Virxe do Carmen realizada polo Centro Integrado de FP Cantería de Galicia. Xunto ao presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, o titular de Educación puxo de manifesto o traballo “realizado polo centro, tanto do seu alumnado e do seu profesorado, con paixón, implicación e vocación”.

A escultura da Virxe do Carme, composta con detalles mariñeiros nos escapularios, foi realizada polo mestre Adrián Otero no curso que vén de rematar coa colaboración do alumnado do novo ciclo de Alta Especialización en Pedra Natural. Concretamente, a peza está realizada con granito do país e amosa, ademais do compromiso de todo o equipo docente, “todo o aprendido nas aulas polo alumnado”, remarcou o conselleiro.

Precisamente, o representante do Goberno galego, que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, quixo destacar o valor deste centro integrado de FP que, ademais de ofertar titulacións de Formación Profesional, “tamén dignifica os oficios tradicionais e recoñece a súa dimensión cultural e económica”.

Comparte este artigo