- Como broche ao premio a Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025, 60 referentes internacionais, 30 empresas tractoras e un total superior aos 200 integrantes do ecosistema emprendedor participarán en diversos relatorios e mesas
- Entre elas, unha para o intercambio de experiencias coas outras dúas Rexións Emprendedoras Europeas 2025 (Krapina-Zagorje e Mazovia), coa presenza de Nadim Ahmad, director adxunto do Centro de Emprendemento e PEME da OCDE
- Abordaranse tres eixes estratéxicos (agro-mar, recursos naturais e comercio-turismo) e tres espazos de debate (Galicia Rexión Emprendedora, emprendemento e innovación)
- Asinarase un compromiso de coordinación entre todas as entidades público-privadas que están asesorando o emprendemento en Galicia e presentaranse as liñas mestras da Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, con base nesa rede de apoio
- Na véspera dese encontro, representantes de distintas rexións europeas participan en experiencias inmersivas que conectan emprendemento, patrimonio e cultura
O encontro de emprendemento Ultreia Galicia impulsado pola Xunta reunirá mañá no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil —no concello ourensán de Nogueira de Ramuín— 60 referentes nacionais e internacionais, 30 empresas tractoras e un total superior aos 200 integrantes do ecosistema emprendedor co obxectivo de conectar iniciativas galegas con outras europeas e dar a coñecer a nosa capacidade para innovar desde o local. Con tres eixes estratéxicos (agro-mar, recursos naturais e comercio-turismo) e tres espazos para o debate (emprendemento, innovación e Galicia Rexión Emprendedora), a cita acollerá a sinatura dun compromiso de coordinación entre todas as entidades público-privadas que están asesorando o emprendemento en Galicia e a presentación das liñas mestras da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, con base nesa rede de apoio.
Como broche ao recoñecemento a Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025, representantes de distintas rexións europeas participan hoxe xa en experiencias inmersivas no territorio que conectan emprendemento, patrimonio e cultura galega. Mañá será o congreso, con máis de 20 mesas e relatorios con expertos, empresas líderes, proxectos inspiradores e institucións, incluídos representantes autonómicos.
No marco do eixe institucional Galicia Rexión Emprendedora 2025, conmemoraranse os 20 anos do observatorio internacional GEM (Global Entrepreneurship Monitor) en Galicia coa presentación do Informe Especial GEM Galicia 2024-2025. Tamén haberá unha mesa redonda sobre emprendemento xuvenil, outra para o intercambio de experiencias entre as Rexións Emprendedoras Europeas 2025 (Galicia, Krapina-Zagorje e Mazovia) coa presenza de Nadim Ahmad, director adxunto do Centro de Emprendemento e PEME da OCDE; un recoñecemento á Rede de polos a través dunha distinción ao mellor proxecto dos 15 centros e un espazo para o proxecto Fixar da Xunta que busca atraer nómades dixitais ao rural.
O apartado de emprendemento será un espazo de emprendedores, empresas, investidores e entidades comprometidas co desenvolvemento sostible do territorio. Abranguerá mesas de debate centradas nos tres sectores estratéxicos de emprendemento ligado ao territorio (agro-mar, recursos naturais e comercio-turismo) e nelas analizaranse ferramentas existentes en Galicia para impulsar o emprendemento, a colaboración empresarial como motor de desenvolvemento e as oportunidades de financiamento para empresas emerxentes. Mentres, a sala de innovación albergará casos de éxito e historias de innovación de empresas. Ademais, debaterase sobre o papel das empresas tractoras arraigadas no territorio e que medran desde el.
Ultreia Galicia busca consolidarse como un foro de referencia en emprendemento sostible, reforzando o ecosistema emprendedor galego, xerando oportunidades de investimento e abrindo novas vías de colaboración.



