Co gallo desta efeméride que se celebra o xoves, día 24, a Biblioteca Antonio Odriozola acollerá mostras, espectáculos de narración oral, visitas guiadas e obradoiros, entre outras propostas
A Xunta celebra o Día das bibliotecas, este xoves, 24 de outubro, cunha ampla programación nos centros bibliotecarios xestionados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Co gallo desta efeméride, a Bibliotecas Pública de Pontevedra Antonio Odriozola acolle citas infantís, obradoiros, xornadas de portas abertas, visitas guiadas e exposicións, que se suman á trintena de actividades programadas no resto das entidades galegas entre outras propostas.
O centro que se atopa na cidade do Lérez abrirá as súas instalacións e fará visitas guiadas desde ás 11,00 horas do xoves. Para o venres está programada a narración oral Os contos de Violeta para celebrar o día das bibliotecas, a cargo de Bea Campos, ás 18,00 horas. Para continuar coa programación, o sábado, o salón de actos do centro acollerá dúas sesións de Biblioteatro a cargo de Anias, para os cativos de catro a seis anos ás 10,30 horas, e para os rapaces de sete a 10 anos ás 12,00 horas. O vindeiro 31 de outubro a partir das 18,00 horas está previsto que teña lugar o obradoiro Scriptorium, no que os rapaces aprenderán sobre os códices.
Hábitos lectores da poboación galega
O deseño destas actividades enmárcase no traballo do Goberno galego para colaborar e apoiar actividades que fomenten o hábito lector na cidadanía. Neste senso, cómpre destacar que en 2022 a lectura foi o terceiro hábito cultural máis frecuente en Galicia, ocupando o 63,9% da poboación, por detrás de escoitar música e ver televisión. Ademais, a porcentaxe actual de persoas lectoras entre a xente de 14 ou máis anos sitúase no 96,9%, indicador que alude a aquelas persoas que len algún tipo de material, en calquera formato ou soporte polo menos unha vez ao trimestre.
En canto á lectura de libros, se atendemos a razóns de ocio, o 62,9% dos galegos le libros no seu tempo libre, é dicir, sen contar razóns de estudo ou traballo, polo menos unha vez ao trimestre e un 52,4% un mínimo dunha vez á semana. En canto á lingua, o 61,2% dos lectores maiores de 14 anos len en galego ben sexa de maneira habitual ou ocasionalmente.