― José González apelou aos encontros que se seguirán mantendo cos comerciantes e ao correo electrónico que se habilitará co obxecto de que fagan chegar as súas achegas para acertar tanto na diagnose da situación do sector como nas medidas a aplicar
― Apostando por un comercio competitivo apoiándose nas novas tecnoloxías, na especialización, na calidade ou na sustentabilidade, puxo de relevo que os axentes implicados deben sumar sinerxías como referentes da xeración de riqueza e emprego
― Así, avogou por dinamizar os establecementos retallistas, os centros comerciais abertos, os mercados ou as prazas de abastos, impulsando a remuda xeracional
― Entre as medidas propostas, unha maior certificación das prazas de abastos como Mercados Excelentes, un selo de Menú de Mercado con campañas cruzadas entre as prazas e os restaurantes e a simplificación das axudas aos centros comerciais abertos
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na Cidade da Cultura no acto de activación do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, no que ante máis dun cento de representantes deste eido económico chamou á participación de todo o sector retallista no “proceso participativo, estruturado e sistematizado” que estará aberto deica finais de ano co propósito de ter lista a estratexia no primeiro trimestre de 2025.
Incidindo na necesidade de aumentar a competitividade do comercio retallista apoiándose nas novas tecnoloxías, nun comercio especializado, de calidade, fortalecido e moderno, que promova o consumo responsable cunha actividade sostible, González avogou tamén por acometer un plan de remuda xeracional para asegurar a continuidade dos comercios rendibles, apoiando tanto ao que cesa na actividade como ao que a vai continuar.
Destacando que Galicia conta con máis de 24.000 comercios polo miúdo e que o sector suma 107.000 postos de traballo en toda a Comunidade ademais de preto dun cento de mercados e prazas de abastos, afondou na importancia de continuar mantendo encontros cos comerciantes para que contribúan en primeira persoa á diagnose e estratexia máis acertadas para darlle un pulo ao sector. Tamén avanzou que se habilitará un correo electrónico para que os axentes implicados canalicen as súas necesidades e inquedanzas.
Entre todos, dixo o conselleiro, hai que decidir que precisa o sector para ser máis competitivo e reforzar o comercio local nas vilas e cidades. Cómpre ofrecer experiencias atractivas, que conviden á compra non só pola calidade dos produtos, senón tamén polo servizo de proximidade -comprometido co territorio- que se proporciona.
Medidas propostas
O titular de Emprego apostou por seguir impulsando a mellora das prazas de abastos e a súa certificación co selo de Mercados Excelentes, na liña da convocatoria por preto de 1,3 millóns de euros que está a piques de resolverse para fomentar -precisamente- unha rede de mercados galegos con este selo de excelencia. Unha orde que, aseverou, espertou tanto interese que se duplicou o número de concellos solicitantes.
En paralelo, segundo explicou, estase a traballar nun selo de Menú de Mercado que permita facer campañas cruzadas entre as prazas de abastos e os restaurantes, xa que estes establecementos son os mellores clientes dos mercados, conscientes de que a calidade dos seus produtos é o mellor que lles poden ofrecer aos seus clientes.
Sobre os centros comerciais abertos, proponse simplificar as liñas de axuda e dar coas mellores actividades de fidelización para que sirvan de dinamizadores de cada contorna e de vertebradores de cada territorio, especialmente no caso das vilas máis pequenas. Nesa liña, apóstase en xeral pola revitalización a través da dinamización do comercio local, non só consolidando como atractivo turístico e rendible o tecido comercial das cidades, senón especialmente os establecementos do rural como máximos referentes dun servizo de proximidade e de calidade que -ademais- contribúe a xerar riqueza e a fixar poboación.
Sen esquecer a potenciación da Fundación Artesanía de Galicia, e con ela, do bo facer dos nosos artesáns e artesás, apelou en todo caso a ir da man dos implicados, para acadar unha planificación en materia de transformación dixital, innovación e modernización que permita -ademais- desenvolver un Mapa do Comercio de Galicia efectivo. Facendo fincapé no Plan de remuda xeracional, con proxectos piloto nas cabeceiras de comarca que atendan ás necesidades de cada contorna e impulsando o emprendemento por parte dos galegos retornados, convidou ademais aos distintos axentes a colaborar e sumar sinerxías, co obxectivo de ter listo o Plan estratéxico do comercio de Galicia no ano 2025.
Cómpre engadir que, tras a intervención do conselleiro e do director xeral de Comercio e Consumo, no acto de hoxe tiveron lugar dous relatorios sobre novas normativas europeas de interese. En concreto, sobre a perspectiva da nova xestión da fiscalidade no comercio polo miúdo e sobre a sustentabilidade ambiental no comercio.

