― A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe nos acto de peche en Mos, do Obradoiro coas especialidades de márketing e carpintería 3D
― Destacou que na última convocatoria concello volveu resultar beneficiario, cunha nova edición de carpintería e comunicación audiovisual en Mos
― A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, tamén estivo hoxe en Mos, salientando o potencial da creatividade para o emprendemento e o emprego sostible no evento do proxecto de cooperación interrexional Es-Factory
― Ambas representantes autonómicas estiveron acompañadas pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e pola concelleira de Emprego e Formacióm, Julia Loureiro
A Xunta clausurou hoxe o obradoiro de emprego dual en Mos con orzamento superior aos 531.000 euros. A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, foi a representante autonómica encargada de pechar a acción. E destacou o novo taller de emprego previsto en Mos en virtude da última convocatoria aprobada para 2024-2025.
En relación aos obradoiros de Mos, hoxe clausurouse o taller Queda en Mos II. Cun orzamento superior aos 531.000 euros, a formación e traballo remunerado arredor do márketing e a comunicación dixital e da carpintería 3D aproveitouse para eventos organizados no municipio e para a dotación con infraestruturas de instalacións como centros educativos ou parques e espazos verdes municipais.
Mentres, o Queda en Mos III abordará traballos de carpintaría e moble, a instalación de elementos de carpintaría e o deseño de produtos audiovisuais multimedia interactivos, para avanzar no labor xa desenvolvido grazas a unha nova achega duns 442.000 euros.
Es-Factory
Pola súa banda, a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, interveu hoxe no evento do proxecto de cooperación interrexional Es-Factory, que se celebrou en Mos. Alí puxo de relevo as oportunidades da cultura e os bens ou servizos asociados á creatividade, o que se denomina economía laranxa, en relación coa creación de emprego sostible en Galicia e no norte de Portugal. De feito, este ámbito supón na Comunidade galega o 2,5% do PIB e conta con máis de 37.000 persoas traballadoras.
O proxecto Es-Factory foi aprobado no marco do programa Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027 que promove proxectos de cooperación transfronteiriza co apoio da Unión Europea. Está liderado pola Xunta de Galicia e composto por un consorcio de organizacións, no que están integrados, ademais da Xunta, Agaca, EspazoCoop, Aesgal, USC, Utad, TecMinho e In Cubo e as súas actuacións desenvolveranse ata setembro de 2026. Esta iniciativa promove a cooperación transfronteiriza entre entidades de Galicia e o norte de Portugal facilitando o intercambio de experiencias no ámbito da economía social e fomenta a igualdade de oportunidades e a inclusión de persoas para promover o emprendemento.

