HomeA CoruñaA Xunta colabora co concello de Cariño para o acondicionamento do pavillón...

A Xunta colabora co concello de Cariño para o acondicionamento do pavillón municipal por importe de preto de 240.000 euros

- Anuncio -spot_img
  • O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asinou o acordo coa alcaldesa, Ana María López Fernández
  • O Goberno galego sufragará o 80% das obras de reparación e acondicionamento de cuberta e da pista deportiva, ademais da substitución de portas e da realización de saídas de evacuación adaptadas á normativa actual

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asinou hoxe coa alcaldesa de Cariño, Ana María López Fernández, o convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello para a realización das obras de acondicionamento do pavillón polideportivo municipal, cun investimento de preto de 240.000 euros. Segundo o acordo, o Goberno galego asume o 80% do investimento cunha achega de case 190.000 euros.

Esta infraestrutura, datada nos anos 70, sufriu recentemente algunha entrada de auga por cuberta que provocou danos na tarima de madeira da pista polideportiva. Así, as obras a executar consisten principalmente na reparación e acondicionamento de cuberta e da pista deportiva, ademais da substitución de portas e da realización de saídas de evacuación adaptadas á normativa actual.

Segundo sinalou Diego Calvo, a sinatura do convenio supón a materialización do compromiso asumido o pasado marzo nunha xuntanza coa alcaldesa, na que se avaliaron  posibles vías de colaboración para resolver os problemas existentes no pavillón da localidade. O obxectivo é que as persoas usuarias dispoñan de instalacións axeitadas, seguras e confortables.

Cómpre sinalar que o pavillón municipal de Cariño compatibiliza usos deportivos variados, como balonmán, baloncesto, fútbol sala, hóckey sobre patíns, voleibol, escalada ou tenis. Situado  nas proximidades do CEIP, serve así mesmo como local para a práctica da materia de Educación Física ao alumnado do centro.

Como lembrou o conselleiro, a iniciativa enmárcase no apoio do Goberno galego ás administracións locais para o fomento do deporte entre a veciñanza. Nesta liña, a Xunta impulsou en 2024 máis de 400 actuacións en instalacións deportivas, tanto de titularidade autonómica como municipal, cun orzamento global de 22 millóns de euros a través de axudas da Secretaría Xeral para o Deporte e de liñas específicas de apoio ás administracións locais.

Publicacións Relacionadas