HomeXunta de GaliciaA Xunta colabora co Consello da Avogacía Galega en accións de atención...

A Xunta colabora co Consello da Avogacía Galega en accións de atención profesional a vítimas de violencia sexual e na formación en materia de violencia de xénero

- Anuncio -spot_img

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asinaron co presidente do organismo a renovación de dous convenios e colaboración, que suman unha dotación de 170.000 euros, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

  • Un dos acordos conta cunha achega de 130.000 euros para garantir ás vítimas de violencia sexual todos os días do ano e durante as 24 horas un profesional da avogacía especializado en delitos de liberdade sexual que as asista, acompañe e asesore nas primeiras dilixencias
  • O outro convenio vai dirixido a financiar cunha aportación de 40.000 euros accións de formación especializada para profesionais da avogacía sobre atención a mulleres e menores que sofren violencia de xénero, trata ou explotación sexual

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asinaron hoxe co presidente do Consello da Avogacía Galega, Luís Torres Foira, a renovación de dous convenios de colaboración no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero que suman unha achega de 170.000 euros por parte da Xunta. Tamén asistiu o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba.

Por unha parte, renovouse por 130.000 euros o convenio para o desenvolvemento de accións de atención profesional a vítimas de violencia de violencia sexual. En concreto, para sufragar accións dirixidas á atención xurídica a mulleres vítimas de violencia sexual, de maneira que sempre dispoña dun profesional especializado en delitos contra a liberdade sexual que asista á vítima en relación coa denuncia e lle ofreza asesoramento xurídico e acompañamento inicial nas primeiras dilixencias, con independencia de que teña ou non recursos para litigar. Esta atención estará dispoñible todos os días do ano as 24 horas.

Por outra parte, tamén se renovou outro acordo, ao que a Xunta aboará 40.000 euros, destinado ao desenvolvemento e o financiamento de accións de formación especializada dirixidas a profesionais da avogacía sobre atención a mulleres e menores que sofren violencia de xénero, trata ou explotación sexual. As actividades formativas que se financiarán e que desenvolverá o Consello da Avogacía Galega inclúen módulos específicos sobre menores e violencia de xénero, mulleres estranxeiras e aspectos psicolóxicos e sociais en relación coa violencia de xénero e coa trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual. O Goberno galego xa renovou este mesmo convenio coa mesma dotación co Consello Galego dos Procuradores.

A Xunta financia a asistencia xurídica gratuíta en favor de persoas sen recursos suficientes mediante compensacións a través dos colexios profesionais e destinou este ano 15 millóns de euros dirixidos a compensar as accións na quenda de oficio realizadas durante o último trimestre de 2024 e nos tres primeiros de 2025. Esta partida incrementarase o próximo ano ata os 18,5 millóns de euros, segundo se recolle nos orzamentos da Xunta para 2026,  o que supón un incremento de case o 20%. Ademais, Galicia sitúase nos primeiros postos a nivel estatal na compensación a estes profesionais e, tras o último acordo, destaca tamén por incluír o maior número de conceptos e axilidade na tramitación da indemnización.

Publicacións Relacionadas