- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o alcalde Francisco Calo asinaron o acordo para realizar actuacións que suporán un custo superior aos 72.500 euros
- Renovarase a maquinaria do ximnasio, instalaranse elevadores para persoas con mobilidade reducida e actuarase no sistema de control da temperatura, entre outras obras de mantemento
O conselleiro de Presidencia Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o alcalde de Outes, Francisco Calo, asinaron hoxe un convenio de colaboración para realizar melloras no complexo deportivo da piscina municipal deste concello. Segundo o acordo, o Goberno galego achegará máis de 65.000 euros, o que representa o 90% do orzamento previsto, superior aos 72.500 euros.
As actuacións específicas inclúen a renovación de maquinaria do ximnasio, a instalación de elevadores para persoas con mobilidade reducida e melloras no control da temperatura, entre outras obras de mantemento e actualización, coa previsión de que estean rematadas antes de que finalice este ano.
Segundo sinalou Diego Calvo, a medida enmárcase no compromiso da Xunta coas entidades locais e na aposta polo fomento dunha vida activa e saudable entre a poboación. De feito, o complexo deportivo municipal é un servizo básico de apoio ao benestar, ao facilitar o acceso á práctica regular da actividade física.
Nesta liña, a Xunta está a impulsar a mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal, tanto a través de convenios de colaboración como das liñas específicas de apoio ás entidades locais, co que se busca facilitar a prestación de servizos municipais de calidade á veciñanza con independencia do seu lugar de residencia.
Outras liñas de apoio
Esta iniciativa de apoio a Outes súmase a outras achegas ao concello realizadas neste exercicio a través de distintas convocatorias e que suman case 113.000 euros. Así, a través da Orde de infraestruturas de uso público mellorouse a accesibilidade da antiga escola unitaria e co Fondo de Compensación Ambiental dotouse de maquinaria para a protección do medio natural, actuouse na conservación ambiental de rutas, en conxunto con Mazaricos, e impulsouse o desenvolvemento dun programa de protección ambiental centrado no mantemento de espazos naturais, na mellora da climatización da casa consistorial e na subministración de contedores.
O conxunto dos investimentos da Xunta en Outes a través destas liñas de axuda nos últimos anos supera os 1,7 millóns de euros.