- José González puxo en valor a traxectoria da formación e indicou que a xira supón unha oportunidade relevante para fortalecer os lazos coa diáspora, conectar con novos públicos e consolidar a imaxe de Galicia como unha terra referente
- Neste marco, a Xunta promoverá que as actuacións do conxunto cheguen ás comunidades galegas residentes en Bos Aires, Rosario, Córdoba, Montevideo e Santiago de Chile, cidades nas que están previstos un total de seis concertos
- Ademais, organizaranse actividades nos centros galegos, como masterclass e encontros cos membros do grupo co obxectivo de fortalecer o papel destas entidades como espazos de encontro e difusión da identidade galega no exterior
- O conselleiro enfatizou que a música continúa a ser unha das mellores embaixadoras da cultura galega, lembrando a boa acollida dos concertos de Luz Casal e Baiuca celebrados en Bos Aires o pasado ano no marco da iniciativa ‘Saborea Galicia Calidade’
- A través desta colaboración, a Xunta reafirma o seu compromiso coa promoción da cultura galega e co fortalecemento das relacións coa comunidade galega do exterior
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou esta tarde, xunto co fundador de Luar na Lubre, Bieito Romero, na presentación da xira de concertos que o grupo realizará no mes de marzo na Arxentina, no Uruguai e en Chile con motivo do seu 40º aniversario. A Xunta colabora nesta iniciativa co obxectivo de reforzar os vínculos coa comunidade galega do exterior e impulsar a proxección internacional da cultura galega.
Durante a rolda de prensa, o conselleiro puxo en valor a traxectoria de Luar na Lubre, que desde 1985 leva a música galega a escenarios internacionais combinando raíces tradicionais con influencias folk e célticas. Indicou que a xira representa unha oportunidade relevante para fortalecer os lazos coa diáspora e conectar con novos públicos, consolidando a imaxe de Galicia como unha terra referente.
A colaboración da Xunta estrutúrase en dúas liñas principais. A primeira céntrase en promover que as actuacións do grupo cheguen ás comunidades galegas residentes en Bos Aires, Rosario, Córdoba, Montevideo e Santiago de Chile, cidades que contan con importantes colectividades galegas e nas que terán lugar os concertos. A segunda consiste na organización de actividades culturais complementarias nos centros galegos destas localidades, como masterclass e encontros cos membros da banda, co propósito de reforzar o papel destas entidades como espazos de encontro e dinamización cultural.
O conselleiro sinalou que esta iniciativa contribúe a proxectar unha Galicia moderna, creativa e orgullosa das súas raíces, ao tempo que fortalece o vínculo emocional e cultural da diáspora coa súa terra. Destacou tamén que a música continúa a ser unha das mellores embaixadoras da cultura galega, lembrando a boa acollida dos concertos de Luz Casal e Baiuca celebrados en Bos Aires o pasado ano no marco da iniciativa Saborea Galicia Calidade, impulsada coincidindo coa condición de Galicia como comunidade convidada de honra pola Embaixada de España na celebración do 12 de outubro.
A xira de Luar na Lubre inclúe seis concertos en tres países. Comezará o 5 de marzo en Montevideo (Uruguai), no Teatro El Galpón; continuará o 7 de marzo en Santiago de Chile, no Centro Cultural Ceina; e completará catro actuacións na Arxentina: os días 10 e 12 de marzo en Bos Aires, na Sala La Trastienda; o 13 de marzo en Rosario, no Teatro Lavardén; e o 14 de marzo en Córdoba, no Teatro Real.
A través desta colaboración, a Xunta reafirma o seu compromiso coa promoción da cultura galega e co fortalecemento das relacións coa comunidade galega do exterior.



