O Goberno galego achegou máis de 130.000 euros ao soterramento da liña eléctrica que estaba instalada na parcela na que se constrúe o centro
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, visitaron esta mañá a parcela na que se está a construír a nova residencia e centro de día municipais, situada no lugar de A Chan, en Carballedo. O obxectivo da visita foi comprobar o resultado dos traballos de soterramento da liña eléctrica, que foron financiados pola Xunta e que eran necesarios para seguir adiante coas obras do novo centro de maiores.
O Goberno galego destinou 134.000 euros a esta actuación, para a que o pasado mes de setembro asinarase un convenio de colaboración entre as Administracións autonómica e local. O novo equipamento porá a disposición das familias 59 prazas residencias e outras 24 de atención diúrna.
Este centro completará a rede de recursos para persoas maiores que xa ten a Xunta e que están emprazados no núcleo de Cerdedo: un centro de día, un fogar residencial e a residencia inaugurada polo presidente Alfonso Rueda fai dous anos.